Redacción •  Galicia •  31/01/2022

Galicia en Común leva ao Congreso a “falta de transparencia” das votacións do Benidorm Fest

A formación preguntará ao Consello de RTVE por unha auditoría do cumprimento das bases do concurso.

Galicia en Común leva ao Congreso a “falta de transparencia” das votacións do Benidorm Fest

Galicia en Común anunciou que este luns rexistrará no Congreso dos Deputados varias preguntas dirixidas ao Consello de RTVE sobre o cumprimento das bases do concurso Benidorm Fest, por mor das queixas e a controversia xerada pola disparidade entre as conclusións do xurado e do voto do público ao longo das semifinais e final para a selección dos representantes de Eurovisión 2022.

A iniciativa parte do deputado Antón Gómez Reino, que incide na necesidade de facer públicos os criterios de valoración para a composición do xurado, a puntuación detallada de cada un deles segundo as regras e tamén os criterios de valoración estipulados nas bases do desenvolvemento do concurso para a puntuación final.

“O Consello de RTVE debe garantir un concurso con total transparencia”, alega Gómez Reino. O deputado contrastou a expectativa e o apoio popular xerado por bandas como Tanxugueiras e Rigoberta Bandini co resultado final declinado polo xurado.

“Cremos que é deber dun organismo público atender ás queixas da poboación que non se sinte representada con esta decisión. O voto popular debe contar de verdade”, sinalou Gómez Reino.

Asimesmo, Galicia en Común preguntará sobre o sistema de votación de mensaxería instantánea, que provocou problemas á hora de enviar as votacións e así se fixeron eco varias usuarias nas redes sociais.


Galicia en Común /