Os traballadores/as das contratas de Repsol acordan seguir co paro
A petroleira non ofreceu ningunha solución a táboa reivindicativa.
A asemblea de traballadores e traballadoras das contratas de Repsol acordou continuar adiante co paro para esixir da empresa que atenda as súas reivindicacións para que, entre outras demandas, haxa unha comisión de investigación transparente e pública, melloras inmediatas nas medidas de seguridade, nos dispositivos de emerxencia e nos protocolos preventivos, así como que se recoñezan determinadas melloras salariais como os pluses de perigosidade, toxicidade e penosidade ou o de parada.
A decisión adoptouse despois da xuntanza que a coordinadora de contratas mantivo na tarde deste mércores con Repsol, e na que, tras case catro horas de reunión, a empresa negouse a avanzar en ningún dos puntos recollidos na táboa reivindicativa, tentando botar balóns fóra e limitando mesmo as posibilidades de interlocución dos traballadores e traballadoras das contratas.
Deste xeito, na xornada do xoves, o persoal volverase concentrar a partir das sete da mañá nos distintos accesos ao complexo industrial de Repsol e tamén no Porto Exterior.
Na asemblea os operarios/as das subcontratas reiteraron a súa firme determinación a continuar na loita para conseguir unhas condicións de traballo dignas, con todas as garantías de seguridade e para que se esclarezan as causas e se depuren as responsabilidades polo gravísimo accidente que lle causou a morte a Unai Martínez e deixou ferido a outro compañeiro.