Redacción •  Galicia •  31/03/2023

BNG empraza ao Goberno do PP a actuar fronte a crise de prezos

Noa Presas: “Os produtos enerxéticos disparáronse nun 60.9% en marzo de 2022 respecto de 2021. Comparado con iso, a baixada de marzo de 2023 parece maior do que é, mais non é o fin da crise inflacionaria”.

Propostas do BNG: incrementar as axudas públicas acorde ao IPC e recuperar a tarxeta básica.

BNG empraza ao Goberno do PP a actuar fronte a crise de prezos

O BNG demandou ao Goberno do PP actuar fronte a crise de prezos que golpea aos e ás máis vulnerables en Galiza  xa que, explicou a portavoz de Economía, Noa Presas, “a previsión é que a inflación subxacente no conxunto do estado diminúa tan só unha décima”, ata o 7,5%, algo que reincide no territorio galego, onde os efectos da inflación “están a ser sempre maiores ca no resto do estado”, denunciou.

No pasado mes de febreiro, remitiu Presas na Cámara, esta inflación subxacente acadou un récord no 7,6% “a cifra máis alta e que amosa un contaxio absoluto a todos os bens e servizos, polo tanto esa baixada dunha décima é absolutamente irrelevante porque seguimos en picos históricos”, detallou. Unha situación no que as persoas expertas advirten do perigo que esta tendencia inflacionista “se cronifique” e, ademais, aumenten as dificultades para controlala.

Isto supón, a ollos da deputada nacionalista, “dunha falta de previsión e anticipación que tampouco se compensa cunha boa reacción xa que todo o que ten a haber coa inflación non está sendo abordado dende Galicia ou do Estado, senón dende a UE”, algo que para un Executivo do PP “que renuncia a intervir está a supoñer unha posición de inacción na que vostedes se senten moi cómodos”, sinalou.

Galiza sofre máis a inflación ca o conxunto do estado

Respecto a febreiro de 2022, informou a parlamentaria do Bloque, os prezos rexistraron un aumento do 6,4%, catro décimas máis que no conxunto español. Doutra banda, a variación interanual da inflación subxacente foi dun 8,2%, dúas décimas superior á rexistrada en xaneiro, un 8,0%, e seis décimas superior á rexistrada a nivel estatal, “se no estado esta suba inflacionaria era de récord, en Galiza o récord negativo é dobre”, recriminou.

“Isto pon o foco no problema de fondo”, argumentou a portavoz de Economía, “a realidade é que o custo da vida segue medrando e segue trasladándose a todos os aspectos da vida”, como é o caso dos alimentos, “un dos máis preocupantes”, advertiu xa que o propio Banco de España “elevaba en máis de 4 puntos a súa previsión de inflación alimentaria para 2023, prevendo que chegue ata o 12,2% desde o 7,8 prognosticado no mes de decembro, onde evidentemente se subestimou cal ía ser a repercusión final desta crise”

Fronte os datos que amosan como Galiza paga máis pola suba inflacionaria ca no resto do estado, Presas recriminou o “desleixo” do PP cando o BG puxera no seu día, no proceso dos Orzamentos do 2022, “esta cuestión estaba enriba da mesa e vostedes fixeron como que o problema non existía”, recriminou aos Populares.

A deputada do Bloque emprazou ao Goberno do PP “a non quedar no conformismo” respecto da evolución da inflación “onde non serve de moito vangloriarse coa suba do PIB, xa que Galiza tivo una caída máis lenta e unha recuperación, por tanto, máis rápida, cando as galegas e os galegos non deixaron de empobrecerse dende a crise da Covid.

Presas demandou da Xunta “medidas que se poden aplicar para non conformarnos co espellismo da baixada da inflación en marzo”, medidas, sinalou, como o incremento das axudas públicas de acordo ao IPC, a recuperación da tarxeta básica, a ampliación dos servizos vinculados aos comedores escolares “para que máis nenos e nenas teñan acceso por esa vía a unha alimentación saudable “ e o impulso de novas medidas para garantir ese acceso á alimentación e evitar a súa repercusión negativa na saúde da poboación. Medidas todas “posibles se vostedes exerceran o autogoberno”, concluíu.


BNG /