Redacción •  Galicia •  31/03/2024

BNG acusa ao Goberno do PP de ocultar información a Contas sobre contratos adxudicados durante a pandemia

  • Luís Bará considera “moi sospeitosas” as adxudicacións feitas á empresa encargada dos rastrexadores, vinculada ao irmán da parella de Feijóo.

BNG acusa ao Goberno do PP de ocultar información a Contas sobre contratos adxudicados durante a pandemia

O viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou este domingo ao Goberno de Rueda de ocultar información sobre os contratos asinados pola Xunta durante a pandemia non só ao Parlamento senón tamén ao Consello de Contas, órgano encargado de fiscalizar a xestión dos cartos públicos. “Cada vez temos máis dúbidas e máis sospeitas sobre a actuación da Xunta durante a crise da covid, cando era presidente Alberto Núñez Feijóo”,asegurouBará,que denunciou o “obstrucionismo” e a falta de transparencia do Goberno do PP sobre os contratos adxudicados durante a crise sanitaria da covid.

Bará referiuse en concreto aos contratos asinados no 2020 e no 2021 coa empresa Universal Support, do grupo Konecta, doque naqueles anos xa eradirectorcomercial Ignacio Cárdenas, irmánda parella de Feijóo. Durante a emerxencia sanitaria, esta empresa foi adxudicataria de contratos co Sergas por valor de, cando menos, 15,5 millóns de euros, cantidade facturada para a prestación de servizos relacionados fundamentalmente co rastrexo de casos de covid e atención telefónica á cidadanía durante a pandemia.

Esa cifra, que o BNG puido constatar en documentación oficial malia a escasa transparencia e o difícil acceso á mesma, non coincide sen embargo coa publicada no informe do Consello de Contas, no que se recollen contratos entre o Sergas e Universal Support por un montante de 11,7 millóns de euros, sendo a diferencia entre unha e outra cantidade de case cinco millóns de euros, destacou Bará. “É un dos casos máis sospeitosos e escandalosos” na xestión dos contratos da covid, subliñou.

O deputado nacionalista aludiu, neste sentido, aos evidentes vínculos familiares que, dixo, alimentan sospeitas ante a negativa do PP de Rueda a facilitar toda a información ao Parlamento, tal e como solicita o BNG, que xa avanzou que no arranque da nova lexislatura reclamará de novo oficialmente explicacións na Cámara e unha auditoría independente de todos os contratos tramitados pola Xunta durante a pandemia mediante o procedemento de emerxencia.

A Xunta, argumentou tamén Bará, renunciou a presentar alegacións para corrixir o informe do Consello de Contas, o que é outro claro indicio de que o Goberno do PP intenta ocultar información sobre supostas irregularidades na xestión dos contratos da pandemia que fixo na Xunta o actual líder do PP.

O viceportavoz no Parlamento referiuse así mesmo ao “encadeamento de contratos” do Sergas con Universal Support como un sinal máis de presuntas irregularidades na contratación. Destacou, neste sentido, as informacións publicadas a longo das últimas semanas segundo as cales o Goberno presidido por Feijóo podería ter recorrido de maneira abusiva á fragmentación de contratos para sortear o concurso público obrigatorio e poder adxudicar a dedo determinados servizos.

Contratos encadeados durante ano e medio

No caso de Universal Support, o BNG puido constatar como durante ano e medio enlazou ata seis contratos, que lle permitiron facturar 10,9 millóns de euros, para o rastrexo da covid entre maio de 2020 e abril de 2021. A empresa facturou co Sergas outros 2,6 millóns entre marzo de 2020 e abril de 2021, neste caso a través de nove contratos en relación á central de chamadas para atención e información a persoas contaxiadas de covid.

Xunto a estes contratos, Universal Support resultou adxudicataria de outro para a prestación do servizo de autocita electrónica, por valor de 1.350.000 euros; un máis de 350.000 € para xestión do certificado de vacinación e outro máis, de 122.000 €, para licenzas de acceso seguro á rede da Consellería de Sanidade.

“O PP ten que dar explicacións xa, e non ao BNG, senón a todos os galegos e as galegas, que queren saber se a peor crise sanitaria que temos vivido foi utilizada para dar trato de favor a empresas amigas do PP, como apunta tamén, por certo, o fraccionamento de contratos asinados con Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo”, denunciou Bará.

O deputado nacionalista lembrou que, segundo investigacións xornalísticas publicadas nos últimos días, só entre os anos 2018 e 2023 a Xunta adxudicou a Eulen máis de 1.300 contratos a dedo, sen concurso público, por case cinco millóns de euros, cifras que teñen levado ao BNG a reclamar de novo ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a información sobre os contratos asinados con esta empresa, “porque temos dereito a saber por que hai unha contratación sistemática a dedo con esta empresa e se estamos ante un caso de nepotismo, de favoritismo ou de amiguismo puro e duro”.


sanidad /