BNG propón á Xunta comprar POVISA e incorporar este hospital á sanidade pública
- Montse Prado: “O valor fundamental deste hospital é o concerto que o Sergas mantén co mesmo, 84 millóns de euros máis IVE, ao que se engade o que a Xunta abona por outro servizos sanitarios como maxilofacial, queimados ou os cinco millóns de euros que recibe do SERGAS para que rebaixe as listas de agarda da sanidade pública”
O BNG mantivo un encontro co comité de empresa de POVISA tras coñecerse a intención da multinacional Centene, actual propietaria do hospital, de vender o centro a outra multinacional, Vivalto Santé; venda que se produce dentro dunha operación na que tamén se inclúen os hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol.
“Esta información está xerando enorme preocupación pola constatación de que a prestación sanitaria á 130.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo e 1.400 postos de traballo están convertidos en mercancía, negocio para multinacionais, toda vez que esta venda pretende realizarse apenas tres anos despois de que fora adquirida pola multinacional estadounidense a prezo de ganga, tras ser rescatado por 24 M€ e capitalizado con cartos públicos”, explica a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado.
Prado traslada a total oposición do BNG a esta operación que, ademais, “compromete o dereito á saúde”, e demanda do Goberno do PP que poña fin “á anomalía de ter a case a metade da poboación da área de Vigo recibindo asistencia sanitaria nun hospital privado”. En lugar de permitir a venda especulativa de POVISA, reclama, “póñanse a traballar para mercar este centro e integralo na rede sanitaria pública e poñer en marcha toda as actuacións necesarias para que a totalidade da poboación da área sanitaria de Vigo reciba atención na sanidade pública”, alega.
O BNG destaca que o concerto da Xunta con Povisa é o máis caro xa non da sanidade pública de Galiza, senón de todo o Estado español, polo cal realiza a prestación dos servizos de asistencia hospitalaria a 135.000 persoas dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a administración determine do concello de Vigo, no que traballan 1.400 profesionais.
“Estamos diante dun tema de enorme relevancia, supón un paso máis na estratexia do PP de poñer a sanidade publica en mans do capital transnacional, o 70% da sanidade privada que existente en Galiza está en mans de empresas foráneas que só buscan o negocio, e estalles posibilitando que cada vez teñan máis capacidade de presión e de condicionar a sanidade pública”, advirte.
En total, explica Prado, “o 80% da súa facturación anual de máis de cen millóns de euros son con cargo aos impostos que pagamos os galegos e as galegas”, denuncia, en definitiva Ribera-Povisa é o maior hospital privado de Galiza, “pero que vive de recursos público”.
O goberno do PP, lonxe de actuar para garantir a calidade asistencial ou os dereitos laborais do cadro de persoal, ten ido na dirección contraria, “traballando para capitalizar este hospital privado para facilitar a súa venda é o negocio privado, o PP desde a Xunta actúa como unha máquina para xerar beneficio ás empresas de fora, ao capital especulativo e o que lle demandamos e que deixe de actuar como comercial destas multinacionais.
Todas as decisións tomadas pola Xunta de Galiza foron na dirección de condicionar a área Sanitaria de Vigo reducindo as camas, servizos e prestacións do hospital Álvaro Cunqueiro e tendo infrautilizadas outras infraestruturas como o hospital Meixoeiro, para seguir mantendo un concerto multimillonario con Povisa, conclúa portavoz de sanidade, tras un encontro co comité de POVISA no que tamén participaron a portavoz de sanidade hospitalaria, Iria Carreira, e a deputada por Vigo, Carmela González.