SOS Sanidade de Vigo denuncia o escurantismo na negociación do novo concerto con Povisa
Reclaman un plan de investimentos que dote á área dos recursos sanitarios públicos para atender ao 100% da cidadanía.
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo denuncia o escurantismo e a falta de transparencia na negociación do novo concerto entre a Consellería de Sanidade e o hospital privado Ribera-POVISA, así como a falta de alternativa pública para atender ao 100% da cidadanía.
O colectivo lembra que a Área Sanitaria de Vigo, responsábel de prestar a asistencia sanitaria pública, ten unha parte da súa poboación, entre 120.000 e 130.000 persoas, atendidas nun hospital privado en base a un concerto que agora vai ser renovado.
Sen alternativa asistencial pública
A negociación para esta renovación prodúcese nunha situación de desigualdade na que a Consellería de Sanidade non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender ao 100% da cidadanía e o grupo Ribera-POVISA está en fase de crecemento e expansión.
Neste contexto, ao non ter unha alternativa asistencial pública, á hora de negociar o novo concerto «estamos nas mans dun grupo privado, que ten como obxectivo mellorar os beneficios económicos dos seus accionistas», alertan.
Por iso, a Plataforma exixe á Consellería de Sanidade que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais que estaban previstos cando se iniciou o deseño e planificación desta área sanitaria ante a construción do Novo Hospital de Vigo no ano 2006.
A este respecto, denuncian que o cambio de modelo do Novo Hospital de Vigo «supuxo a renuncia do Partido Popular a dotarnos dos recursos sanitarios públicos para atender ao 100% da cidadanía e condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, coas condicións que pon a empresa propietaria».
Por estas razóns SOS Sanidade reclama:
- A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro, recuperando o plan funcional inicial do Novo Hospital de Vigo.
- A reordenación asistencial da área urbana de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución coas especialidades máis demandadas pola poboación, no centro da cidade.
- A construción dun Centro de Alta Resolución, tal e como estaba previsto, no Morrazo e outro para o Baixo Miño e Val Miñor.
- A recuperación da Atención Primaria, analizando a situación de recursos humanos e materiais dos centros de saúde e adecualos ás necesidades da poboación segundo os ratios de persoal e de financiamento que recomenda a OMS. Así como reforzar os Puntos de Atención Continuada (PAC).
- Garantir o incremento da inversión en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo para reforzar a Atención Hospitalaria e recuperar a Atención Primaria.
Solicitarán reunión co conselleiro
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo entende que «só desenvolvendo os puntos anteriores sería posíbel garantir a asistencia sanitaria con medios públicos ao 100% da cidadanía». No período transitorio o concerto con Ribera-POVISA debe ser transparente, garantir ratios de persoal equivalentes aos dos hospitais públicos e ir adecuándose as cargas asistenciais futuras.
Exixen, tamén, que se permita á cidadanía do Val Miñor, o Morrazo e Vigo exercer o seu dereito á libre elección de hospital de acordo coas propias normas da Consellería de Sanidade.
Por todo isto, o colectivo solicitará unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para trasladarlle os problemas da Área Sanitaria de Vigo e coñecer a posición da Consellería sobre as medidas reclamadas.