Redacción •  Galicia •  31/08/2024

CIG Xustiza denuncia a supresión dunha praza de reforzo no Xulgado de violencia de xénero de Carballo

  • Para a CIG, a decisión é “totalmente incomprensible”, toda vez que o motivo da concesión segue a producirse na actualidade.
CIG Xustiza denuncia a supresión dunha praza de reforzo no Xulgado de violencia de xénero de Carballo

A Dirección Xeral de Xustiza confirmou este mércores, día 28 de agosto, a a decisión tomada hai unhas semanas de non renovar, a partir do 31 de agosto, o reforzo dunha praza de tramitación concedido en decembro de 2022 ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución n.º 1 de Carballo, con competencias en Violencia Sobre as Mulleres, por sobrecarga de traballo.

Para a CIG, a decisión é “totalmente incomprensible”, toda vez que o motivo da concesión segue a producirse na actualidade, “se cadra con maior intensidade, porque os casos de violencia non diminuíron senón que e incrementaron”.

Xunto a isto, a CIG-Xustiza apunta que a semana que vén queda desocupada unha praza pola concesión dunha comisión de servizo e, en breve, outras dúas persoas cesarán pola incorporación do persoal de novo ingreso do corpo de xestión.

Isto significa, advirte, “que nos vindeiros dous meses a maior parte do cadro de persoal vai ser novo. E nin sequera iso se ten en conta para agardar a suprimir o reforzo”.

Lembra que levan días intentando, sen éxito, que dende a Dirección Xeral sedea explicación desta decisión, “mais foi imposible. Ao parecer é unha cuestión orzamentaria pero nin sequera se dá razón dos criterios que se seguen á hora de suprimir uns reforzos ou outros”.

Por iso continuarán reclamando que esta praza de reforzo se recupere nun futuro próximo. Denuncian que “o dano xa está feito” e lamentan que “sempre se ataque máis aos xulgados das vilas”.


violencia machista /