Redacción •  Galicia •  31/12/2023

Ana Pontón apela ás persoas desencantadas da política: “Confiade en min, porque estou preparada para mellorar as vosas vidas”

  • Pide unha gran mobilización o 18F ante a oportunidade de deixar atrás catorce anos de retroceso do PP concentrado o voto do cambio no BNG
Ana Pontón apela ás persoas desencantadas da política: “Confiade en min, porque estou preparada para mellorar as vosas vidas”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, compareceu tras a reunión do Consello Nacional no que o BNG deu luz verde á elaboración das candidaturas, “un proceso transparente, desde as bases, porque nesta organización a militancia é quen máis ordena”, recalcou.

Pontón destacou que os do 18F non son uns comicios máis, senón as eleccións máis importantes e abertas dos últimos catorce anos, “as do cambio galego, porque hai unha maioría social que está cansa de ir cara atrás, cansa de perder oportunidades, cansa de retroceder”, subliñou. As claves para conseguilo: mobilizarse nas urnas e concentrar o voto no BNG.

E en aras desa necesaria mobilización, Pontón fixo unha apelación expresa a todas as persoas desencantas e escépticas coa política.

“Quero dirixirme especialmente ás persoas que están desencantadas coa política, ás que están escépticas ou que baixaron os brazos cansas de tanta crispación inútil que se ve na política estatal. A toda esas persoas quero pedirlles que confíen no BNG, que confíen en min, porque estou preparada para facer as cousas ben, para mellorar as súas vidas; para darlles o mellor goberno de todos os tempos”, argumentou.

A líder nacionalista pediu mudar o desencanto e o escepticismo pola confianza no BNG, mobilizarse polo cambio para facer historia dándolle a Galiza a primeira presidenta coas mans libres de servilismos a Madrid.

Porque este 18 de febreiro, argumentou, só hai dúas alternativas: ou seguir cun goberno do PP que deixa unha Galiza en retroceso, que vai a menos; ou apostar pola esperanza e a ilusión dun goberno liderado polo BNG preparado para darlle a este País un futuro mellor.

“Se queremos resultados diferentes non podemos facer sempre o mesmo, temos que confiar en algo novo”, indicou, tras sinalar que ao longo dos últimos 40 anos, houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, e os resultados están á vista. “Penso sinceramente que a Galiza lle vai ir mellor cunha presidenta do BNG e pídolle ós galegos e ás galegas a oportunidade de demostralo”.

Porque o BNG ten un proxecto de goberno para transformar en positivo e capacidade para levalo adiante, que vai explicar á cidadanía a través dunha campaña en positivo, con propostas, con ideas, falando dos asuntos que lle preocupan á maioría social: sanidade, educación, vivenda, cambio climático, igualdade, o coidado das persoas maiores ou o futuro da xente moza.

“As eleccións van da vida dos galegos e das galegas, non van de Sánchez nin de Feijóo, e sería unha auténtica falta de respecto coa xente deste País que, unha vez máis, as forzas estatais usen Galiza como campo de batalla, que nos traían aquí as súas liortas madrileñas”, advertiu. O único que demostrarían, unha vez máis, é que nin teñen proxecto para Galiza nin lles interese telo.

Pontón presentase ante á cidadanía no só como a candidata do BNG, senón como a candidata de País, de todas as persoas que queren un cambio sen importar o que votaran noutras ocasións, “porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, explicou.

“Quero darlles unha Galiza con máis oportunidades, con mellor sanidade e con mellor educación pública, quero poñer a riqueza do País ao servizo dos galegos e das galegas, das familias, da clase traballadora e das empresas. E sobre todo quero mellorar a vida das persoas, porque iso é o que lle dá sentido á política, poñer as persoas no centro, traballar por e para elas, e entre todos e todas construír a mellor Galiza”, destacou na súa intervención tras o Consello Nacional.

Campaña de baixa intensidade, debilidade do PP

Pontón insistiu en reclamar debates para facilitar o contraste dos proxectos que presenta cada forza política, e advertiu contra a “campaña de baixa intensidade” que busca o PP, “un síntoma de debilidade, porque non quere falar do balance que deixa, dunha Galiza peor da que atopou, porque sabe que cada día que pasa perde votos”, argumentou. Por iso, non é casual que a precampaña coincida coas festas de Nadal e a campaña coa celebración do entroido, “o obxectivo do PP é desmobilizar”, denunciou.

Os debates non son unha prerrogativa dos partidos senón un dereito da cidadanía que os medios públicos galegos deben garantir. Por iso, o BNG propón que a TVG celebre dous debates entre as principais forzas políticas en horario de máxima audiencia, na primeira e na segunda semana de campaña, porque son moitos os temas a abordar e, ademais, un cara a cara Pontón-Rueda.

“Os galegos e as galegas verían do máximo interese un contraste de proxectos entre os representantes das dúas forzas políticas que temos máis opcións de presidir o próximo goberno. Espero que o señor Rueda acepte, que non lle teña medo a debater comigo na TVG”, explicou Pontón, anticipando que o BNG vai participar en todos os debates que se convoquen.

A líder do Bloque agradeceu o compromiso e o esforzo dunha militancia que levou a o BNG a ser a alternativa de cambio ao PP, “a esperanza desa maioría social que quere pasar páxina e abrir un tempo novo”, ao tempo que instaba a redobrar esforzo e traballo até a cita coas urnas.

“Porque Galiza merece un goberno que funcione, con ambición e orgullo do que somos. E quero ser a presidenta dese goberno, porque me gusta Galiza, gústame vivir aquí, gústame como somos e quero colocar Galiza no lugar que lle corresponde: entre as nacións máis avanzadas do mundo”, concluíu.


elecciones gallegas /