André Abeledo Fernández •  Opinión •  27/02/2025

O galego é o idioma da Galiza, existimos grazas ao uso da nosa lingua

O maior inimigo do galego, da existencia da nazón, da Galiza, do noso idioma, a nosa historia, e a nosa cultura o temos na casa dirixindo as nosas vidas, o Partido Popular faise pasar por galeguista mais a sua extratexia é a de destruir a nazón galega facendo desaparecer o noso maior tesouro e signo de identidade, o noso idioma.

Despois de séculos de colonización lingüística e cultural os galegos resistimos, apesar de non poder durante séculos escrever ou aprender na escola en galego seguiu sendo o idioma, a língua nai da clase traballadora galega. 

Conseguimos sobrevivir a longa noite de pedra, os séculos escuros, seguir sendo galegos contra vento e marea, namentres no outro lado do océano os pobos precolombinos sufrían a pérdida dos seus idiomas e da súa identidade en mans do Imperio español, a Galiza seguíu resistindo para poder seguir existindo, para poder seguir sendo galegos.

O noso idioma forma parte fundamental da nosa identidade, precisamos do noso idioma para non deixar de ser galegos, o galego foi e debe seguir sendo o idioma da clase traballadora galega, é lingua de resistencia, e debemos desgraciadamente continuar resistindo en condicións moi difíciles.

O galego está a ser atacado durante séculos tamén na actualidade por aqueles que teñen dende o goberno da Xunta da Galicia de cumprir co deber de defender a nosa identidade.

Mais nestos momentos en moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.

Non fai tanto tempo si falamos de historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”. Esas humillacións marcaron a varías xeracións, mais non conseguiron o seu obxectivo.

En moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra, indefenso e rodeado dunha sociedade castelanizada que leva moito tempo castelanizado ata a gramática galega.

Sempre lembro que a miña nai contábame como a profesora na escola rural non falaba máis que castelán, non era galega, así que non entendía o noso idioma, e o despreciaba 

Os nenos falaban en galego e eran ridiculizados por aquela mestra vida de España, non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas falábase en galego.

O galego sobreviviu durante séculos por ser a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser galegos.

Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo casposo herdado do franquismo, fronte as políticas de aniquilación do galego do goberno da Xunta de Galicia, e fronte a pérdida de identidade nun mundo onde o galego atopa cada día menos espazo, porque así o queren os que nos mal gobernan.

O galego necesita dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio, de ataques, de esquecemento forzado e de intentos de humillación m

Lembremos que o Partido Popular da Galiza en Europa votou en contra do uso do galego no parlamento de Bruxelas, traidores que non teñen pátria nin vergoña.

O galego é o noso maior tesouro, a Galiza é unha nación, somos un pobo cunha identidade propia, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.

Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable, o deber da humidade e protexer a riqueza da diversidade cultural no noso mundo.

É importante ter sempre presente, como ben dixo Castelao, que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.


Opinión /