Redacción •  Galicia •  02/12/2022

Unai Sordo: «Non imos negociar nada en materia de pensións que non parta dun amplo consenso»

Antes de comezar a súa visita á fábrica de Ence en Pontevedra, o secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, atendeu os medios de comunicación para comentar distintas cuestións de actualidade.

Unai Sordo: «Non imos negociar nada en materia de pensións que non parta dun amplo consenso»

En relación coa posibilidade de aumentar o período para calcular as pensións, Sordo afirmou que «CCOO non comparte a necesidade de incrementar o período de cálculo das pensións». E insistiu: «non é que non esteamos polo labor de acordar ese incremento; non estamos polo labor nin sequera de negociar ningunha medida que non veña avalada por un consenso político suficiente».

O secretario xeral confederal apuntou a necesidade de manter o Pacto de Toledo como referencia no que atangue ás pensións. Neste sentido, reiterou que cómpren «amplos consensos políticos e sociais e o incremento do período para calcular a pensión nin sequera é unha recomendación incluída no Pacto de Toledo».

O dirixente sindical quixo «deixar isto claro» para «evitar interpretacións que o único que fan é enturbar unha negociación que, por outra parte, ten un monte de medidas enriba da mesa que son netamente positivas para mellorar a estrutura dos ingresos da Seguridade Social».

Neste sentido, Unai Sordo amosouse favorable a chegar a acordos «en materia de mellora de pensións mínimas, de destope de bases máximas, de prórroga do mecanismo de equidade interxeracional, de medidas que corrixan os nesgos de xénero de acceso á pensión (por exemplo, cubrindo mellor as lagoas de cotización)», entre outras cuestións que «son recomendacións do Pacto de Toledo».

Convenio do SAF

Unai Sordo tamén se pronunciou sobre «como se resolveu o convenio do SAF», que finalmente non será asinado por CCOO. «Crebouse a posibilidade de sacar adiante o convenio pola actitude absolutamente lamentable dalgúns Concellos, que se precipitaron a licitar os pregos de contratación para evitar os efectos do convenio colectivo».

Na súa opinión, isto constitúe un «boicot» ao asinamento do convenio. Reprochou a actitude desas entidades locais, «de distinta cor política», que despois «incluso fan declaracións pedindo a suba do SMI», mentres que licitan «precipitadamente» «para evitar as melloras salariais previstas no convenio que se ía asinar», lamentou.


pensiones /