Redacción •  Galicia •  04/01/2025

CIG: «Non existen razóns que impidan avanzar en dereitos laborais reais implantando a xornada de 35 horas á semana»

  • O secretario xeral da CIG considera insuficientes as medidas contempladas no anteproxecto de lei pactado polo Goberno español con CCOO e UGT.
CIG: «Non existen razóns que impidan avanzar en dereitos laborais reais implantando a xornada de 35 horas á semana»

A CIG entende que no actual contexto de desenvolvemento tecnolóxico e de cambios na xestión e organización do traballo non existen razóns que impidan avanzar “dunha vez por todas” en dereitos laborais reais e xerar máis riqueza social favorecendo a repartición do traballo mediante a implantación da xornada de 35 horas á semana de traballo efectivo.

Neste senso, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, considera claramente insuficientes as medidas contempladas no Anteproxecto de Lei para a Redución da Duración Máxima da xornada ordinaria de Traballo, o Rexistro de Xornada e o Dereito á Desconexión que vén de pactar o Goberno español cos sindicatos CCOO e UGT. De xeito que a CIG achegou unha serie de propostas e modificacións para incorporar ao documento despois de que o Ministerio de Traballo llo remitise por correo electrónico o pasado 20 de decembro dentro do trámite de consultas coas organizacións sindicais máis representativas.

Comezando pola implantación da xornada de 35 horas semanais -fronte ás 37,5 que figuran no Anteproxecto de Lei- “co obxectivo de ir camiñando cara a xornada semanal de catro días, a 32 horas á semana”, que é a proposta que a CIG defende para xerar emprego e avanzar en dereitos como a conciliación da vida laboral e familiar. 

E seguindo por unha serie de medidas sobre a regulación da xornada encamiñadas a frear a precariedade laboral e dignificar a contratación a tempo parcial, unha vez que se estendeu o abuso deste tipo de contratos como consecuencia da última reforma laboral. Entre outras, garantir xornadas mínimas fixas de 20 horas en horario continuado; condicionar a realización de horas complementarias; limitar estes contratos ao 15% dos cadros de persoal e no sector público, aumentando a retribución do persoal a tempo parcial, etc.

Así como unha proposta concreta coa que derrogar a reforma laboral do PP do 2012, que este Goberno sigue mantendo vixente, rematando co feito de que a patronal sexa quen decida unilateralmente a distribución irregular da xornada até un 10%.

Rexistro de xornada

Outra das achegas ten que ver coa dotación dun sistema de rexistro de xornada por medios dixitais para que sexa transparente e eficaz, de xeito que permita contabilizar as horas extraordinarias con garantías para as persoas traballadoras e a súa compensación en descanso ou retribución.

A maiores, a CIG propón unha regulación para o teletraballo que reforce os dereitos de desconexión dixital e intimidade das persoas traballadoras. 

E insta a establecer mecanismos que garantan a prevalencia das mellores condicións en materia de xornada para a persoa traballadora contempladas nos convenios sectoriais fronte aos de empresa, xa que actualmente no caso das condicións salariais o Ministerio non fai cumprir esta disposición normativa, tal e como a central sindical ten comprobado coa propia Inspección de Traballo.

Finalmente, a CIG trasládalle ao Ministerio de Traballo a súa “máis enérxica protesta” por tela excluído das negociacións deste Anteproxecto de Lei a pesar de súa condición de sindicato máis representativo a nivel estatal, vulnerando o principio de neutralidade e de liberdade sindical. Ademais considera “unha pantomima” o trámite de audiencia e de informacións públicas dun documento que foi presentado como un acordo con CCOO e UGT despois de negociar previamente con estes sindicatos e coas organizacións patronais CEOE e CEPYME.

En consecuencia, reclama que antes da aprobación definitiva a Lei se abran de novo consultas e negociacións de cara a un Proxecto de Lei definitivo, garantindo en pé de igualdade os dereitos de todas as organizacións sindicais lexitimadas para a participación institucional a nivel estatal, entre as que se atopa a CIG.


empleo /