SOS Sanidade Pública reclama unha unidade de queimados para a área de Vigo
A dotación desta especialidade evitaría o traslado de pacientes ao complexo hospitalario da Coruña.

A plataforma SOS Sanidade Pública reclamou o pasado venres en rolda de prensa a posta en marcha dunha unidade de queimados na área de Vigo para evitar o traslado de paciente ao complexo hospitalario da Coruña. No colectivo denuncian que a área viguesa está “infradotada” con respecto a Santiago e A Coruña no que ten que ver coas actividades de “alta especialización”, que son as que “marcan a diferencia” ao estar compostas por profesionais de “alta cualificación” e por “tecnoloxías innovadoras”.
O voceiro de SOS Sanidade Vigo, Manolo Moreira, explicou durante a comparecencia diante dos medios que a área sanitaria quedará sen este servizo en abril cando remate o contrato do Sergas co hospital privado Ribera Povisa. “A nosa área só conta con catro referencias únicas; é dicir, técnicas que unicamente se practican no seu hospital; mentres que a área sanitaria da Coruña conserva 11, e a de Santiago, 10”.
Coa actual negociación do novo contrato con Ribera Povisa suprímese a unidade de queimados neste hospital, e a nova referencia hospitalaria para este tipo de patoloxía localízase no complexo hospitalario universitario da Coruña. Polo que os pacientes das provincias de Pontevedra e Ourense deberán ser trasladados ao complexo hospitalario da Coruña.
“E iso a pesar de que a área sanitaria de Vigo conta coa maior actividade industrial de Galiza e coa maior concentración empresarial de industrias con máis probabilidade de sufrir sinistralidade laboral por queimaduras”, lamentou Moreira.
Trátase dunha área de referencia poboacional potencial de máis de 1,2 millóns de habitantes, “que por unha nova decisión arbitraria vai quedar sen unidade de queimados xa que non existe criterio técnico, económico, organizativo ou administrativo que poida avalar a decisión, senón que se trata de favorecer a unhas áreas sanitarias en detrimento doutras por razóns de presión política e de tráfico de influencias”.