Redacción •  Galicia •  04/05/2023

BNG defende un modelo enerxético xusto ao servizo das persoas

  • “O BNG rexeita a posíbel de implantación de parques de eólica mariña na costa galega. É indecente que hipotequen o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria” afirma Néstor Rego.
  • Araceli Gestido, candidata do BNG á alcaldía de Cangas, denuncia a depredación do territorio levada a cabo polo Goberno do Estado, coa colaboración da Xunta da Galiza, a través dunha “política colonialista disfrazada de política verde”.
BNG defende un modelo enerxético xusto ao servizo das persoas

O BNG presenta na localidade de Cangas do Morrazo a súa proposta de modelo enerxético co obxectivo principal de que sexa un modelo ao servizo da Galiza e das persoas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto a candidata do BNG á alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, rexeitan o boom eólico depredador que ameaza á Galiza e denuncian que a política de renovábeis que está levando a cabo o Goberno do Estado -en conivencia coa Xunta de Galiza- coa aprobación dos POEM é indecente porque supón hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria para favorecer o oligopolio eléctrico. Alén do máis, defenden retirar o Plan que afecta á costa galega, mudar o modelo de produción enerxética para pasar a un modelo de xeración eléctrica baseado na produción a menor escala, máis próxima aos centros de consumo, a través de empresas públicas e a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega, no caso da Galiza por ser un País que xa é produtor excedentario.

“A Galiza está a sufrir un verdadeiro boom eólico depredador, tanto en terra como no mar, que afectará de maneira negativa o noso medio natural, así como sectores produtivos estratéxicos como o gandeiro, o agrícola e agora, coa eólica mariña, o sector pesqueiro” explica a candidata do BNG á alcaldía de Cangas. Esta ameaza, engade Araceli Gestido, vese facilitada “polo Goberno do Estado -en conivencia coa Xunta de Galiza- que promove e incentiva a implantación de novos parques e macroparques eólicos, eliminando requisitos como a Declaración de Impacto Ambiental, e eliminando a exposición pública e a posibilidade de presentar alegacións por parte das persoas afectadas; unha verdadeira barra libre para as empresas enerxéticas”.

Unha política colonial liderada polo Goberno do Estado, e apoiada pola Unión Europea, que se disfraza de “política verde” pero que ameza o medio natural, a biodiversidade e o patrimonio da Galiza. “Esta non é unha alternativa real nin sustentábel frente á crise enerxética derivada do desabastecemento de combustíbeis fósiles” denuncia Gestido.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso denuncia a aprobación dos POEM que afectan á Galiza por parte do executivo estatal e reclama a retirada dos mesmos. Neste sentido, Néstor Rego lembra as diversas iniciativas rexistradas na cámara baixa para que o Goberno do Estado. “Queremos deixarlles claro, tanto á ministra de Transición Ecolóxica como ao ministro de Pesca, que é indecente que hipotequen o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria para favorecer o oligopolio eléctrico” afirma Rego sobre as solicitudes de comparecencia rexistradas polo BNG.

A aprobación destes Plans de Ordenación do Espazo Mariño converte zonas de especial sensibilidade ambiental, chaves para manter a biodiversidade dos ecosistemas mariños e zonas que son caladoiros fundamentais da nosa frota pesqueira en parques industriais para a produción de enerxía para maior lucro dunha poucas grandes empresas do oligopolio eléctrico. Unha planificación, a aprobada polo Goberno do Estado, que non contou “cun mínimo de equidade” posto que, segundo achega Rego, á costa da Galiza adxudicouse 50% da potencialidade da eólica mariña estabelecida en todos os POEM.

“O BNG, igual que a inmensa maioría do pobo galego e a totalidade do sector pesqueiro da Galiza, rexeita a posibilidade de implantación de parques de eólica mariña na costa galega” avanza o deputado do BNG no Congreso. Máis, sobre todo, nun contexto onde “non é imprescindíbel a instalación” desta potencia xa que Galiza produce máis enerxía eléctrica da que consome e xa hai moitos novos parques aprobados ou en tramitación.

Modelo alternativo: ao servizo das persoas

A frente nacionalista aproveitou o acto para defender o seu modelo enerxético. Un modelo, sinala o deputado do BNG, ao servizo das persoas e xusto baseado na xeración eléctrica, con produción a menor escala e máis próximos aos centros de consumo. “Un modelo con participación pública, a través da creación dunha empresa pública, porque entendemos que a enerxía é un ben esencial e, polo tanto, debe estar baixo control público” asevera.

“Ademais, no caso concreto da Galiza defendemos a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega, unha tarifa diferenciada por sermos un País produtor excedentario de enerxía que, a día de hoxe, produce máis enerxía da que consome” conclúe.  


BNG /