Concentración en Cartelle este domingo por unha moratoria eólica na Galiza
- Domingo 4 de febreiro ás 12,00 horas na feira (alameda) de Cartelle.
Tralo aprazamento a causa do temporal da mobilización en todo o país contra a invasión eólica o último domingo de xaneiro, a Coordinadora Eólica Así Non decidiu convocar para este próximo domingo, 9 de febreiro, unha nova serie de concentracións coincidindo co Día das Enerxías Limpas.
Así, plataformas e colectivos ecoloxistas da provincia de Ourense chaman á resistencia contra a invasión eólica dos nosos montes cunha concentración ás 12,00 horas na feira (alameda) de Cartelle.
A mobilización pretende denunciar e poñer no foco da opinión pública a ameaza que pende sobre os concellos de Cartelle (comarca da Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro) co proxecto en tramitación dun macropolígono híbrido -eólica máis fotovoltaica- que supera os 50 Mw de potencia a instalar e se presenta ao procedemento fragmentado de maneira fraudulenta para evitar a avaliación por parte do ministerio.
Ademais, sinalaranse as loitas contra outras ameazas eólicas que axudaron a parar o ano pasado varios macropolígonos eólicos no Macizo e infraestruturas de alta tensión con graves impactos para as veciñas na Serra da Martiñá, ademais de lembrar outro macropoxecto en trámite ministerial, o denominado Clúster da Limia, que proxecta megaeólicos nas montañas entre Castrelo do Val e Xinzo de Limia e unha LAT que transcorrería por 18 concellos cruzando de este a oeste (de Castrelo do Val a Castrelo do Miño) o sur da provincia.
A concentración en Cartelle está apoiada e colaboran na organización as seguintes organizacións e entidades: Aira das Bestas, Afiando o vento, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigas da Terra, Asociación cultural e medioambiental Tarabelada, Asociación Cultural Follas Vivas Lois Antón de Ramirás, C.S. A Alvariça de Allariz, Ecologistas em ação Galego-Trasmontano, Movemento Ecoloxista da Limia, Plataforma comarcas Limia – Verín Non ás Minas, Salvemos A Serra Martiñá, Salvemos o Támega ADEGA Monterrei e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.
O MOMENTO DA MORATORIA. Este domingo celebraranse ademais concentracións en Bembibre (Val do Dubra), en Mazaricos, en Ortigueira, en Marín, en Pontevedra (capital), en Campo Lameiro, en Sarria e en Lugo (capital).
O manifesto da convocatoria incide na esixencia dunha moratoria eólica en toda Galiza -tralo anuncio da Xunta de elaborar un novo plan eólico- mentres se actualiza o plan, de cuxa elaboración, a Xunta pretende excluír ás organizacións ecoloxistas e colectivos de afectadas dos traballos no que semella un intento consolidar os privilexios das promotoras.
ALEGACIÓNS. Membros da plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA estiveron hoxe na feira quincenal de Cartelle recollendo alegacións contra o proxecto híbrido a trámite. Esta semana empezou tamén a recollida de escritos nos puntos de información en Cartelle, Castrelo de Miño, Outomuro, Celanova, Allariz, Bande, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. As alegacións recolleranse até o día 19 de febreiro (mércores).