A veciñanza de Covas (Os Blancos) rexeita en asemblea a instalación de macroeólicos
- Todas as veciñas e veciños que asistiron o domingo a unha reunión convocada polo alcalde, agás o presidente da comunidade de montes e o propio alcalde (quen se abstiveron), votaron contra a o proxecto Lamas II, de Greenalia, unha ampliación fraudulenta do proxecto Lamas de Feás.
- Stop Eólicos Xurés Celanova comeza a difundir as alegacións ao proxecto. O prazo de exposición pública remata o 2 de xaneiro.
- Colectivos veciñais e plataformas de toda a provincia concentraranse en Xinzo de Limia, no marco dunha protesta de todas as comarcas do país, o domingo 11 ás 12 da mañá.
Covas (Calvos de Randín), unha aldea que ficaría dentro dun polígono industrial eólico rodeada por macroaeroxeradores de 180 metros de altura a menos dun quilómetro das casas, con impactos directos para a saúde humana e risco grave para os animais e calquera explotación gandeira nas proximidades se vai adiante o proxecto Lamas II (unha ampliación fraudulenta do macroparque Lamas de Feás), declarouse maioritariamente en contra deste proxecto promovido pola corporación enerxética Greenalia.
O alcalde, José Manuel Castro (PP), convocou a unha asemblea ás veciñas e veciños de Covas o pasado domingo. Debatéronse os impactos que causaría a construción do macroparque, que xa provocou un amplo rexeitamento nas aldeas de Feás, Lobás e outras veciñas. E finalmente decidiuse votar para expresar a oposición veciñal aos macroeólicos. O resultados foi rotundo: todas e todos as veciñas e veciños presentes votaron en contra da instalación. Abstivéronse o alcalde (que expresou a súa intención de colocarse do lado da maioría da veciñanza do concello) e o presidente da comunidade de monte, que se distanciou da opinión do resto de comuneiros.
As veciñas e veciños, que comezaron a se organizar e se coordinar coa plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, solicitaron do alcalde a convocatoria urxente dun pleno municipal no que se tratase esta cuestión. O alcalde comprometeuse a consultar a outras aldeas afectadas e reunir á corporación en pleno para expresar o apoio institucional á demanda veciñal.
ALEGACIÓNS. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova empezou a distribuír o modelo de alegacións exprés contra o proxecto de Greenalia denominado Lamas II. O prazo para rexistrar os escritos remata o 2 de xaneiro. Stop Eólicos Xurés Celanova dispón de puntos de recollida de alegacións en Xinzo, Baltar, Calvos de Randín, Vilar de Santos, Allariz e Celanova e instala periodicamente mesas de recollida.
As seguintes estarán en Celanova (este xoves na praza Maior durante a celebración do mercado matinal) e en Xinzo (durante a concentración do domingo, día 11).
CONCENTRACIÓN. Con motivo do Días das Montañas, a coordinadora Eólica Así NON organiza en toda Galiza unha xornada de protesta contra a invasión eólica que se desenvolverá en 18 mobilizacións veciñais de carácter comarcal e provincial. No caso de Ourense, a concentración que o ano pasado se levou a Laza para denunciar a desfeita que suporía a construción de macropolígonos eólicos no Macizo Central, celebrarase este ano en Xinzo de Limia, para visibilizar a alerta diante da enxurrada eólica nas comarcas limiás, onde nestes momentos están a exposición pública o complexo Mistral-Tramontana na serra do Larouco, e o complexo Lamas de Feás-Lamas II entre A Aguioncha e Pena Loba.
A concentración terá lugar na praza Maior de Xinzo este domingo a partir das 12 horas, e máis de vinte colectivos e plataformas de Ourense e do país apoian a protesta.