Aratel tramita por separado unha planta fotovoltaica que amplía o proxecto eólico no Coto Novelle
- Fragmentación fraudulenta en Cartelle.
A plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova alerta sobre o posíbel caso de fragmentación fraudulenta no proceso de tramitación dunha planta solar fotovoltaica en Cartelle, que comparte infraestruturas co macropolígono Arnoia -con 7 aeroxeradores de 220 metros de alto sobre o Coto Novelle-.
No DOG de onte publicouse a solicitude das autorizacións administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica da que tamén é promotora a corporación enerxética Aratel, de capital aragonés e madrileño, a mesma que está detrás do macroproxecto de explotación eólica.
Se o proxecto de macropolígono eólico -en exposición pública até o próximo 16 de xaneiro e contra o que xa van recollidas máis de 700 alegacións- pretende levantar no monte que separa o Miño do Arnoia nos concellos de Castrelo e Cartelle unha instalación de macroeólicos de 43,4 MW de potencia, a planta fotovoltaica -a 4 quilómetros da anterior e que proxecta a súa liña de evacuación até a subestación do polígono eólico- engadiría 9,8 MW de potencia.
É dicir, estamos diante dun polígono híbrido -dos que acostuma a promover Aratel- de 53,2 MW de potencia que a lexislación obriga a tramitar a través do Ministerio para la Transición Ecológica, fóra das competencias da Xunta.
Ademais de non ter presentado conxuntamente a exposición pública o conxunto do polígono, a documentación achegada presenta outras eivas: non inclúe estudo de impacto ambiental dunha instalación que ocuparía 16 hectáreas entre as poboacións de Reigoso, Os Pereiros e A Bouza, con 16.560 módulos fotovoltaicos, e engadiría unha liña soterrada de media tensión de 30kV de 5,7 quilómetros até a subestación proxectada para o macropolígono eólico na faldra oriental do Coto Novelle.
E todo isto, nunha área de alta densidade de infraestruturas eléctricas: a 1 quilómetro da subestación de REE de Cartelle e con afeccións por cruzamento con liñas de alta tensión de 440 kV e 220 kV.
MESA INFORMATIVA E CAMPAÑA DE ALEGACIÓNS
A plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova instalará hoxe unha mesa informativa en Ribadavia, con motivo da feira do 10. A campaña de recollida e rexistro de alegacións contra o PE Arnoia, sobre o Miño, no linde das comarcas de Celanova e O Ribeiro, continuará até a próxima semana cando se pecha o prazo de exposición pública. A plataforma leva recollidas máis de 700 sinaturas solicitando o rexeitamento do proxecto.
De inmediato, iniciarase unha campaña para alegar contra a ampliación deste mesmo proxecto que, de feito, supón a tramitación da planta fotovoltaica asociada. O prazo de alegacións contra esta outra pata do polígono híbrido empeza a contar hoxe e rematará o 20 de febreiro.