Redacción •  Galicia •  11/01/2025

A nova regulación da devolución a mutualistas na AEAT exixe facer todos os trámites de novo

  • Segundo explica CIG, nunha lei publicada o pasado 22 de decembro, o Goberno de PSOE e Sumar deixa sen efecto todas as solicitudes de devolución presentadas até a data.
A nova regulación da devolución a mutualistas na AEAT exixe facer todos os trámites de novo

A representación da CIG na Axencia Tributaria denuncia que o Goberno español exixirá ás persoas mutualistas facer unha nova solicitude de devolución cada ano para poder percibir uns cartos que se lle cobraron indebidamente en Renda hai anos. Segundo explican, nunha lei publicada o pasado 22 de decembro, o Goberno de PSOE e Sumar deixa sen efecto todas as solicitudes de devolución presentadas até a data.

“Cuestionamos a data na que se fai pública a medida, ás agachadas no nadal para que a xente non se decate, e cuestionamos que se exixa a persoas de idade avanzada volver facer todos os trámites todos os anos para poder percibir uns cartos que o Tribunal Supremo dixo que lles pertencen” indica a representación da CIG. “Facenda está dicíndolle á xente que presentou a solicitude polo trámite específico que a AEAT estableceu, que o traballo e a documentación presentadas non valeron para nada”,critican.

A medida, ademais de obrigar as persoas afectadas a ter que presentar toda a documentación novamente, “pon o persoal da AEAT que atende directamente o público ao pé dos cabalos» e exixe volver realizar durante todos os anos vindeiros un traballo que xa se fixo o pasado ano. “Para a CIG resulta inadmisíbel que con esta medida se lle diga ao persoal funcionario que o seu traballo non serve para nada e ás persoas afectadas que o seu tempo non ten valor”, engaden.

Para a representación da CIG esta modificación vai provocar que as persoas interpreten «que a AEAT as está vacilando para furtarlle o dereito a cobrar uns cartos que teñen dereito a percibir por unha sentencia xudicial» e que acudan anoxadas ás oficinas da AEAT «porque é a segunda ou terceira vez que lle fan presentar o papeleo». Ao final, advirten, «quen vai pagar os pratos rotos é o persoal que está atendendo ao público”.


seguridad social /