Redacción •  Galicia •  11/12/2024

Alertan sobre datos falsos da mina de Touro en relación ás fincas que quere expropiar

  • Crean un xeovisor para consultar as parcelas afectadas polo proxecto en Touro, O Pino, Viladecruces e Arzúa.
Alertan sobre datos falsos da mina de Touro en relación ás fincas que quere expropiar

Desde a “Plataforma veciñal mina Touro O Pino Non” ven de solicitarse a suspensión do período de exposición pública mentres non se rectifiquen os erros masivos na listaxe de bens afectados polo proxecto en exposición pública e que proporcionou a propia empresa Cobre San Rafael para poder levar a cabo expropiación forzosa.

O colectivo denuncia a falta de rigor e veracidade das superficies de moitos dos terreos que se pretenden expropiar figurando pragados de grandes erros e omisións, o que xera indefensión ás propietarias afectadas. Entre os casos detectados chaman a atención parcelas que figuran con apenas 13 metros de superficie e que teñen máis de 10.000, ou outras que figuran de propiedade descoñecida cando os seus datos constan correctamente no catastro.

Desde o de grupo de asesoramento para a Defensa do Territorio de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, en colaboración coa Plataforma veciñal mina Touro O Pino Non, realizouse  unha recompilación dos datos dos bens que figuran na exposición pública do proxecto do proxecto da mina para facilitar o acceso á información pública.

O resultado envorcouse nun xeovisor de acceso aberto sobre as afectacións do proxecto mineiro nos concellos de Touro, O Pino, Vila de Cruces e Arzúa, ademais de recoller diversos enlaces a recursos, mapas, información, planos por parroquias dos bens afectados pola mina e a liña de alta tensión, listaxes de bens afectados co enlace á referencia catastral, enlaces a alegacións e información dispoñibles nas redes da plataforma contra a mina. Esta información pode consultarse na web https://afectacionsminaopinotouro.geograffiti.xyz/. Esta ferramenta facilitou á Plataforma veciñal a detección dos erros mencionados.

A Plataforma recomenda a todas as persoas que poidan estar afectadas por estes erros ou omisións que realicen a correspondente reclamación dirixida á Delegación provincial de minas en A Coruña para que volvan publicar a relación de terreos afectados unha vez teñan contrastada a información e dispoñan dos datos correctos, tendo por tanto que realizarse unha corrección de erros a través do DOGA e coa conseguinte nova apertura de prazos para presentar alegacións.


minas /