A SGHN leva á Fiscalía a paralización cautelar da ampliación da AC-566 en Valdoviño
A entidade ven de solicitar á Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia que abra dilixencias informativas e ordene a medida ante as afectacións a ZEC Costa Ártabra e unha importante pobloación do fento ameazado Woodwardia radicans.
Con data 24/02/2020 SGHN advertiu á Consellería de Medio Ambiente sobre os impactos ambientais que tería a modificación da estrada AC-566 proxectada pola Consellería de Infraestruturas. As obras, para incrementar a plataforma e reforzar o firme en 2,11 km, e rectificar curvas e habilitar un carril adicional en 1,86 km, afectarían ao espazo natural protexido da ZEC Costa Ártabra así como á bacia de alimentación do Humedal de Pantín, unha lagoa costeira (hábitat prioritario 1150) e dous cursos fluviais que a alimentan con representación de bosques de ribeira (hábitat prioritario 91E0).
Woodwardia radicans é unha especie catalogada como “Vulnerable” nos catálogos galego (Decreto 88/2007) e español (RD 139/2011) de especies ameazadas, aí como no Anexo II da Directiva 92/43/CEE. A protección legal de Woodwardia radicans inclúe a todos os seus núcleos poboacionais, tanto dentro do ámbito dos espazos naturais protexidos como fóra destes (Directiva 92/43/CEE, a Lei 42/2007 estatal e a Lei 5/2019 galega).