Intensa xornada de protestas da CIG-Industria de Ourense nas empresas Rodosa e UNVI
A federación celebrou antes unha asemblea de delegados/as na que se abordou a negociación do convenio do siderometal e a represión sindical en Revi.
![Intensa xornada de protestas da CIG-Industria de Ourense nas empresas Rodosa e UNVI](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/02/25-02-13_ProtestaRodosa_Ourense_02-39817cf0-950x0-c-default.jpeg)
A CIG-Industria de Ourense desenvolveu hoxe unha intensa xornada de mobilizacións para denunciar os incumprimentos laborais por parte da empresa Rodosa e para reclamar unhas condicións de traballo dignas en UNVI. Delegados/as sindicais da federación celebraron previamente unha asemblea na que se abordaron o estado das negociacións para renovar o convenio provincial do siderometal e a represión sindical no Grupo Revi.
A concentración diante das instalacións da empresa Rodosa desenvolveuse de 11:30 a 12:30 horas para denunciar o incumprimento sistemático do convenio provincial do siderometal por parte de Rodosa, xa que o cadro de persoal ten que traballar os sábado pola mañá. Ademais, a compañía con sede na estrada de Vigo despediu recentemente unha traballadora por causas obxectivos, aínda que finalmente a rescisión de contrato foi considerada improcedente polo Xulgado do Social.
Ao mesmo tempo, dende a central sindical censuran os abusos de poder da empresa, xa que dous compañeiros da afectada que foron declarar ao seu favor no xuízo sufriron represalias por parte da dirección, que os deixou sen traballo efectivo durante unha xornada. Isto motivou unha denuncia da CIG diante da Inspección de Traballo.
Despois desta mobilización a CIG-Industria levou a cabo unha protesta de 14:00 a 15:00 horas diante das instalacións de UNVI, empresa dedicada á fabricación de autobuses con sede no polígono de San Cibrao das Viñas para reclamar o acondicionamento da nave anexa habilitada pola compañía o pasado verán.
![](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/02/25-02-13_Protesta_UNVI_Ourense_02-1024x765.jpeg)
Dende a central sindical sinalan que as instalacións postos en marcha para atender un incremento puntual da produción carece de sistema de extracción e as persoas traballadoras están sometidas ás temperaturas extremas propias do clima ourensá.
O comité (integrado por 4 delegados/as da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) ten instado a UNVI en varias ocasións a solucionar estes problemas ou a adquirir unha nova nave que reúna as condicións mínimas de salubridade, pero a dirección négase. Por iso a maioría da representación sindical (CIG e CUT) optou por convocar a protesta.
Previamente á celebración destas mobilizacións delegados/as da CIG-Industria celebraron unha asemblea no local do sindicato na que se abordaron o estado das negociacións para renovar o convenio provincial do siderometal -para o que xa tiveron lugar dúas xuntanzas- e a represión sindical no Grupo Revi.
Dende a central explican que a dirección censuran que a empresa Conductores Eléctricos Revi despediu recentemente un traballador por facer parte da candidatura da CIG ás eleccións sindicais, decisión que foi recorrida xudicialmente. De feito, o vindeiro día 24 terá lugar o acto de conciliación previo ao xuízo no que se reclamará a nulidade da rescisión de contrato a pesar de que a dirección xa ofreceu considerar a improcedencia.