Intensa xornada de loita das traballadoras do SAF por un convenio digno
As traballadoras do SAF afrontan a terceira semana en folga indefinida por un convenio digno, dando un exemplo de capacidade de loita e resistencia. Un día máis, as traballadoras desenvolveron unha intensa xornada de mobilizacións por todo o país para visibilizar a súa loita e explicar as súas reivindicacións en demanda dunhas condicións laborais e salariais xustas e por un servizo de axuda no fogar de calidade.
Ao berro de «convenio digno na axuda no fogar», as traballadoras realizaron concentracións, manifestacións e repartos de follas informativas en Cabanas, Pontedeume, Sarria, Ferrol, Miño, As Pontes, Redondela, Moaña, Vigo, Brión, Muxía, A Coruña ou O Rosal.
De xeito paralelo, unha representación da CIG e do persoal mantivo xuntanzas co BNG e co PSOE para explicarlles a posición contraria ao preacordo asinado por CCOO e UGT coa patronal (do que, por certo, segue sen concretarse data para a súa ratificación ou non) xa que ademais de condenar as traballadoras á precariedade estabelece unha dobre escala salarial, totalmente inxusta e discriminatoria.
A CIG-Servizos entende esta dobre escala salarial é ilegal, polo que, se finalmente se asina este convenio procederá á súa impugnación.
A federación de Servizos da CIG denuncia tamén que algunhas empresas están a ameazar a compañeiras en servizos mínimos para que cubran todo o servizo. A central advirte que non tolerará este tipo de actuacións nin ameazas ás traballadoras e tomará as medidas que sexan precisas.
A loita incansábel das traballadoras comeza a dar froitos e compañía como Fepas anunciaron que van abonar os atrasos salariais correspondentes ao incremento do 6,5% que teñen pendente de aplicar e que corresponde ao IPC de 2022. Hai que lembrar que a patronal estivo chantaxeando toda a negociación do convenio ao negarse a aplicar o incremento do 6,5% (tal e como estipula o convenio vixente) até a publicación do novo convenio no DOG.
Imaxes das mobilizacións do luns 14 de novembro