Redacción •  Galicia •  18/04/2025

O comité de Urbaser mobilízase no Concello de Santiago para denunciar a parálise na negociación do convenio

  • Desenvolveu unha concentración na Praza do Obradoiro ao mediodía, e non descarta novas protestas ou mesmo a convocatoria de folga.
O comité de Urbaser mobilízase no Concello de Santiago para denunciar a parálise na negociación do convenio

O comité de empresa de Urbaser, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Santiago, desenvolveu hoxe unha concentración diante do Pazo de Raxoi para denunciar a parálise na negociación do convenio colectivo. O cadro de persoal esixe respostas inmediatas ante a falta de avances, reclamando melloras laborais que levan meses sen ser atendidas.

Entre as súas principais demandas salientan os incrementos salariais e un sistema de libranzas que permita melloras en conciliación laboral e familiar, xa que que na actualidade o colectivo traballa seis días á semana cunha soa xornada de descanso. “Estamos fartos/as de promesas baleiras; necesitamos condicións dignas que nos permitan vivir, non só sobrevivir», sinala Ricardo Méndez, presidente do comité de empresa.

Neste senso, lembra que dende que a primeiros de ano comezaron as conversas para renovar o convenio caducado en decembro de 2024 unicamente se produciron tres xuntanzas, e despois da última a compañía non quixo fixar data para o próximo encontro. Polo que dende o comité advirten que no caso de que non se retomen os contactos e non se avance na negociación non descartan novas mobilizacións, incluíndo a posibilidade de convocar unha folga.


movilización /