Redacción •  Galicia •  19/02/2025

Ana Pontón coloca ao BNG como alternativa a un goberno do PP desleal con Galiza que traballa para as empresas amigas

  • “Con triunfalismo e propaganda non se pagan as facturas, nin a mocidade atopa vivenda, nin baixan as listas de espera da sanidade e a dependencia”.
  • Extremista, antidemocrático e antigalego, balance que a líder do Bloque fai do «desgoberno» de Rueda cando se cumpre un ano das eleccións do 18F.
Ana Pontón coloca ao BNG como alternativa a un goberno do PP desleal con Galiza que traballa para as empresas amigas

“Un goberno extremista, antidemocrático e antigalego”. Este é o balance que a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo do Executivo do PP cando se cumpre un ano das eleccións galegas do pasado 18F, un ano que cualificou como o do “desgoberno” dun Alfonso Rueda que traballa para as “multinacionais e as empresas amigas” e fronte ao que colocou como única solución “o goberno alternativo do BNG”.

“Somos a alternativa real ao PP para poñer en marcha a mellor Galiza porque temos un proxecto de futuro para este País e demostrámolo cada día no noso traballo político, social e institucional”, afirmou Pontón, quen erixiu ao Bloque como o “muro de contención contra o desgoberno e a deslealdade do Partido Popular con Galiza” e a “mellor alternativa para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Porque fronte a ese ‘Galiza goberna’ que o PP repite como novo eslogan publicitario, a líder nacionalista advertiu que, na realidade, vimos de pechar un ano de “desgoberno Rueda”, doce meses máis a favor “das empresas amigas do Partido Popular mentres deteriora a sanidade”, a favor “das eléctricas mentres vulnera os dereitos das persoas maiores” ou “ten a milleiros de mozos e mozas coas súas vidas en suspenso” porque, recalcou, atopar vivenda neste país resulta misión imposible para miles de persoas”.

En definitiva, “non hai nada que celebrar” porque este foi “un ano perdido para Galiza”, cun Goberno do PP “sen proxecto de país” e que antepón os seus intereses partidistas por diante dos galegos e das galegas, criticou a portavoz nacional, quen tamén recriminou a incapacidade do titular da Xunta para defender os intereses de Galiza ante o Estado.

Neste sentido, reprochou o anuncio dunha única transferencia aínda por materializar despois de 16 anos sen conseguir “nin un só incremento” no autogoberno galego e cun Rueda, por riba, “boicoteando a quita da débeda conseguida polo BNG” que posibilitaría un aforro de millóns de euros ás arcas públicas. “Este primeiro ano de mandato volveu deixar clara a submisión ao centralismo do presidente da Xunta, que actúa ao ditado do que lle manda o seu xefe de filas desde Madrid”, sintetizou.

Pontón afondou no carácter “extremista, antidemocrático e antigalego” dun Executivo que se dedica a “enlamar o debate, propagar trolas e fake news e á descualificación persoal do adversario político”, que mantén oculta a información ao Parlamento e á sociedade, torpedeando a comisión de investigación sobre os seus chanchullos na contratación pública impulsada polo Bloque ou convertendo a CRTVG no seu “aparato de propaganda”, e que está empeñado en converter o galego “nunha lingua residual”.

Este ano tamén serviu para confirmar un Goberno do PP “a favor dos poderosos e insolidario coa maioría social”, tal e como demostra, enumerou a portavoz do BNG, cando “mantén o pelotazo fiscal ás persoas con máis patrimonio do País mentres conxela o complemento autonómico das pensións máis baixas”, cando “pon unha alfombra vermella ás eléctricas e a Altri arriscando o medio de vida de miles de persoas” do rural e do mar ou ao seguir drenando “miles de millóns ao negocio privado tanto na sanidade como na dependencia ou na educación”.   

Un Executivo, por tanto, sen proxecto de País, “instalado na rutina e na propaganda” e que continúa coa súa folla de ruta de “recortes e privatización dos servizos públicos”, dar “barra libre para o espolio e a contaminación” e que “abraza ese centralismo madrileño que é letal para Galiza”, resumiu Pontón, quen situou enfronte as alternativas dun Bloque enfocado na defensa dos galegos e das galegas.

A alternativa real do BNG

Así, “fronte aos recortes e privatizacións do Partido Popular”, situou o firme compromiso do BNG coa sanidade pública e a súa proposta para desenvolver un plan de choque que reforce a Atención Primaria; fronte a un “Partido Popular que converte a vellez nun negocio”, salientou a alternativa dun Bloque que traballa xa nun Sergas dos servizos sociais e solicita no inmediato aumentar os fondos destinados ao SAF ou duplicar os equipos de dependencia.

De igual xeito, recordou as propostas nacionalistas en materia de vivenda, cun plan de mobilización de inmobles baleiros para poñelos no mercado a prezos accesibles para as familias e a xente moza; de financiamento, cunha clara aposta por que Galiza teña a chave dos seus cartos fronte a un PP que prefire un modelo que discrimina o País; de lingua, cunha defensa orgullosa do idioma propio fronte “ao bullying” dos populares ao galego; ou de política industrial, con alternativas claras e concretas como destinar ás pemes galegas, ao saneamento das rías e a proxectos de desenvolvemento no rural os 250 millóns de euros que o Executivo de Rueda lle quere dar a Altri, recuperando o “franquismo industrial” dos anos 60.

En definitiva, un ano despois das eleccións do 18 de febreiro, “o Goberno de Rueda só ofrece triunfalismo e propaganda”, sintetizou Pontón. “Pero con triunfalismo e propaganda non se pagan as facturas, non se chega a fin de mes, a mocidade non atopa vivenda, nin baixan as listas de espera en sanidade ou en dependencia”, alegou, para recalcar a continuación que “os problemas reais da xente real deste País seguen aí porque o que temos é un goberno do Partido Popular desleal e antigalego que traballa para as empresas amigas e para as multinacionais”.

Ante un Rueda que presume de ser feliz e desfrutar da oposición que ten, a líder nacionalista recordou a preguntas dos xornalistas que o problema radica en que en Galiza “hai moita xente infeliz” porque ten “listas de espera até para ir ao médico de cabeceira”, porque ve “como seu pai ou súa nai morre mentres non chega a dependencia” ou porque “non pode atopar vivenda ou non pode facer o seu proxecto de vida porque ten empregos de baixísima calidade”.

“Esta é tristemente a realidade que nos deixa un goberno que practica o desgoberno, mentres o único que fai é ofrecer propaganda e frivolidade e creo que Galiza merece moito máis”, concluíu. 


BNG /