Esquerda Unida demanda accións decididas ás administracións no día contra a explotación sexual e a trata de persoas
Esquerda Unida denuncia que como sociedade non podemos seguir mirando cara outro lado mentres estas persoas son vendidas, explotadas, maltratadas e violadas e que polo tanto é necesario que o Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputacións e Concellos se comprometan con medidas reais en base ás súas competencias, para dar soporte a estas mulleres, facilitar que poidan saír da situación de prostitución e perseguir a trata e explotación.
Compostela, 22 de setembro de 2020. No 23 de Setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, Esquerda Unida denuncia a pasividade da maioría das administracións no noso país e demanda accións decididas e estables no tempo para loitar contra esta grave problemática que afecta principalmente a mulleres e nenas.
As vítimas de explotación sexual son as vítimas máis invisibles da violencia machista. Ao contexto de violencia estrutural coma mulleres, as vítimas de explotación sexual suman violencia directa, illamento, falla de recursos efectivos de protección e apoio e en moitos casos imposibilidade de acceder a ningún dereito pola súa situación administrativa.
Esquerda Unida denuncia que como sociedade non podemos seguir mirando cara outro lado mentres estas persoas son vendidas, explotadas, maltratadas e violadas e que polo tanto é necesario que o Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputacións e Concellos se comprometan con medidas reais en base ás súas competencias, para dar soporte a estas mulleres, facilitar que poidan saír da situación de prostitución e perseguir a trata e explotación.
O 94% das persoas tratadas son mulleres e nenas traficadas para empregalas na prostitución. Unha prostitución arraigada dentro do sistema patriarcal. No noso país 4 de cada 10 homes consumen ou consumiron prostitución, sen importarlles a situación de esas mulleres, explotadas e na maioría dos casos tratadas.
No caso de Galicia, estudos publicados indican que o 80% das mulleres prostituídas son estranxeiras, elemento que reforza o seu illamento ao careceren de redes familiares e sociais e en moitos casos non poderen acceder nin a pedir axuda por atoparse en situación irregular. Todas son vítimas de necesidades sociais e económicas e no caso das mulleres de orixe español predomina o perfil de persoa con problemas de drogodependencia, sen apoio social e que exercen nas rúas.
Ante esta situación o traballo institucional é francamente escaso cando non activamente prexudicial. Esquerda Unida lembra que no ano 2019 a Xunta de Galicia evitou personarse coma acusación popular na “Operación Carioca”, un dos maiores casos de proxenetismo e corrupción do conxunto do Estado. O abandono da Xunta das súas responsabilidades en defender ás mulleres e menores implicadas impediu que fosen xulgados a maioría de implicados e responsables.
Igualmente o pasado mes Esquerda Unida solicitou á Xunta de Galicia que pechase os prostíbulos tal e coma están a facer outras comunidades autónomas ante a crise sanitaria. Non só se deixa ás mulleres prostituídas expostas aos contaxios e facilita a propagación da Covid-19, se non que se lles abandona nunha situación de vulnerabilidade económica extrema sen medidas que impliquen recursos para estas persoas.
Neste 23 de Setembro Esquerda Unida demanda tamén unha Lei Integral Contra a Trata e a Explotación Sexual, que aborde desde a óptica da abolición da prostitución coma forma de violencia, medidas de carácter económico e de inserción social para as mulleres e nenas prostituídas, que mude a realidade de ausencia de dereitos pola actual Lei de Estranxeiría e que dote de recursos para perseguir a mafias e proxenetas.