Redacción •  Galicia •  25/08/2024

BNG esixe medidas urxentes que melloren a seguridade viaria na A8 e rematen coa incomunicación da comarca da Mariña

  • Daniel Castro esixelle ás administracións solucións eficaces e propón a prolongación do terceiro carril de subida da N-634 ata o enlace da A8.
BNG esixe medidas urxentes que melloren a seguridade viaria na A8 e rematen coa incomunicación da comarca da Mariña

O deputado Daniel Castro esixe medidas urxentes que rematen coa situación de incomunicación na que se encontra a comarca da Mariña e reclama a mellora da seguridade viaria na autovía A8. Exíxelles ás administracións que dean “solucións eficaces” e propón a prolongación do terceiro carril de subida da N-634 ata o enlace da A8.

O deputado da Mariña reclámalle ás administracións central e autonómica “solucións definitivas” que rematen cos problemas na autovía A8 ao seu paso polo Fiouco” e que melloren a seguridade dos e das usuarias. Ademais, pídelle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que “non se obceque en manter aberto ao tráfico este treito en días de néboa porque poden producir accidentes graves” como a colisión múltiple ocorrida o pasado mes de agosto a causa da néboa, habitual nese treito.

“Os accidentes na A8 á altura do Fiouco son unha nova evidencia da necesidade de mellorar as comunicacións da Mariña”, asegura, para advertir que “o sistema automatizado de balizas luminosas non está sendo efectivo, a sinalización de acceso á autovía cando se desvía o tráfico pola N-634 é deficiente e as rotondas do Alto da Xesta xunto a área de servizo non teñen iluminación ningunha”.

A proposta do BNG, ademais da prolongación do 3º carril da N-634 ata a autovía, é “o arranxo completo do treito por onde se desvía o tráfico cando se pecha a autovía, xa que aínda que supón un traxecto de 2 quilómetros máis, en tempo é practicamente o mesmo e gañaríase en seguridade e comodidade”, asegura..

Ao tempo que acusa ao Goberno central de non dar alternativas axeitadas, Castro arremete tamén contra o PP, a quen lle recrimina e “acordarse agora das comunicacións da Mariña cando eles gobernando non fixeron nada por mellorar as mesmas e aínda por riba seguen paralizando a construción da VAP Costa Norte, a pesar dos moitos acordos impulsados polos BNG en todas as cámaras e sabendo que esta Vía de Altas Prestacións se anunciou no ano 2001”, apuntou.

Medidas para toda a comarca

O deputado nacionalista reclama, alén destas medidas para a autovía A8, unha “aposta directa pola comarca da Mariña, que obrigue a tomar decisións inminentes tanto á Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado”, en referencia á posta en marcha “dunha vez por todas” da Autovía A74 (Autovía da Mariña), que, segundo denuncia, “leva décadas gardada nun caixón” e que tanto gobernos do PSOE como do PP “esqueceron como unha das súas prioridades”, criticou.

Do mesmo xeito, o goberno do Estado “ten que modernizar e facer máis accesible as liñas de FEVE para que este medio de transporte sexa unha opción real para os e as habitantes da comarca e non un ferrocarril do século pasado con apenas uso”, concluiu.


infraestructuras /