Galicia en Común leva ao Congreso a oposición ao parque eólico Pena dos Mouros
- O deputado Antón Gómez-Reino, do Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común, levou ao Congreso o rexeitamento ao parque eólico Pena dos Mouros, na Costa da Morte.
O proxecto deste parque eólico entre os concellos coruñeses de Laxe, Vimianzo e Camariñas, promovido pola empresa EDP, suscitou grande oposición social, polo enorme impacto que pode ter sobre o patrimonio natural e histórico da zona, así como para a actividade turística e económica.
A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/Birdlife) presentou alegacións ante a Xunta de Galicia ao proxecto, que afectaría “a un espazo protexido de grande valor biolóxico e paisaxístico, polo que podería ameazar a especies protexidas, ademáis de ocasionar un impacto importante en espazos protexidos y hábitats de interese comunitario”.
A execución do proxecto incluiría a instalación de infraestruturas enerxéticas a apenas 300 metros de espazos protexidos da Rede Natura 2000, declarados pola súa importancia ornitolóxica. Trátase dunha zona inmersa no corredor migratorio de aves terrestres e mariñas que cruzan esta zona de Galicia até o sur da península e África.
Así mesmo, dende o sector do turismo sostible tamén manifestaron a súa oposición a este proxecto.
Neste senso, Gómez-Reino pregunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica se ten coñecemento deste proxecto e pídelle unha valoración sobre o mesmo e sobre o impacto que este pode ter sobre os ecosistemas e o patrimonio natural e social na zona.
Así mesmo, o portavoz de Galicia en Común tamén pregunta se por parte deste Ministerio se lle solicitou á Xunta algún informe sobre a tramitación deste proxecto e se prevé realizar algunha acción, no marco das súas competencias, para evitar a súa execución ou para garantir a protección do patrimonio da comarca afectada.