Redacción •  Galicia •  27/11/2022

Xinzo faille fronte  á ameaza eólica sobre A Limia

  • A veciñanza, disposta a se defender contra a ameaza dos macro eólicos, encheu onte o salón de plenos da Casa do Concello.
  • Recollidas 400 alegacións en dúas semanas contra o complexo Mistral-Tramontana.
Xinzo faille fronte  á ameaza eólica sobre A Limia

A resposta veciñal na Limia contra a invasión de proxectos eólicos que ameazan as montañas da comarca, desde A Aguioncha a San Mamede, do Larouco ao Monte Grande, do Laboreiro ao Xurés, encheu onte o salón de plenos da Casa do Concello de Xinzo de Limia nun acto no que participaron ADEGA, o Sindicato Labrego Galego, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e o Club Parapente Baltar desde a mesa informativa e que foi apoiado, entre outros colectivos, polo MEL e Ecoloxistas en Acción, así como pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (PSOE), o líder local do BNG, Camilo Vila, e outros concelleiros.

Durante unha hora, os colectivos expuxeron os principais impactos das macro centrais eólicas coas que as corporacións pretenden apropiarse dos nosos montes -entre eles, os efectos prexudiciais para a saúde humana polo ruído, os ultrasóns e as eventuais sombras consecuencia da proximidade ás vivendas de aeroxeradores que van desde os 180 metros até os 215 metros de altura- así como a estafa dos presuntos beneficios económicos (“nin crean emprego nin fixan poboación e os poucos cartos que deixan ás comunidades ou propietarios ao ano é unha miseria, tanto, que un muíño tarda menos dunha hora en producir ese beneficio para a empresa, o resto de horas do ano é todo beneficio para a empresa”, coincidiron as representantes de ADEGA e do SLG).

Tamén se falou de impactos concretos sobre actividades como o parapente, modalidade deportiva afectada directamente polo proxecto do complexo Mistral-Tramontana sobre a serra do Larouco. “Poñer eses aeroxeradores aí, coas conseguintes liñas de alta tensión, suporía eliminar o Larouco como escenario das actividades de voo libre. O Larouco é unha montaña única en España para a práctica do parapente, mais sen Larouco non hai parapente. Non hai alternativa que valga”, explicou Enrique Cuquejo, do Club Parapente Baltar, desde onde están tratando, xunto con outros veciños, de explorar novas posibilidades de aproveitamento do monte, alén das deportivas. Este mesmo domingo, en Baltar terá lugar unha charla sobre comunidades enerxéticas. “Necesitamos tempo”, insistiu Cuquejo. En setembro pasado organizaron unha xornada de observación astronómica con éxito notábel.

Desde ADEGA e Stop Eólicos Xurés Celanova puxeron o foco na desfeita ambiental do macro proxecto noruegués na Serra de San Mamede, “non só as persoas sofren cos ruídos e ultrasóns que se poden percibir, aínda que non sexamos conscientes, a 90 quilómetros de distancia, tamén os animais, as aves, os mamíferos… está comprobado que na contorna dun polígono eólico a fecundidade do gando vese reducida”, sostivo a representante de ADEGA. “Unha macro central supón converter unha paisaxe natural nun polígono industrial. É unha desfeita ambiental, paisaxística, para os sistemas fluviais, unha perda irreversíbel de biodiversidade e de calidade de vida. Non son necesarias”, anotaron desde a plataforma que estas semanas recolle sinaturas contra o macro complexo Mistral-Tramontana.

Desde que comezou a campaña de recollida de alegacións levan máis de 400 adhesións. O prazo para rexistralas dentro do período de participación pública remata o 15 de decembro. Hai varios puntos de recollida e volverán poñer mesas nas feiras de Celanova (o xoves día 1) e de Bande (o domingo día 4). Esta semana que entra Stop Eólicos Xurés Celanova comezará co rexistro en varios concellos das comarca da Limia e Celanova.

Intervencions desde o público

A segunda hora da convocatoria estivo aberta as intervencións desde o público. A veciñanza reclamou orientación para se defender. Veciñas de Calvos de Randín, alarmadas polos impactos previstos e recoñecidos pola promotora (Greenalia) do macro complexo de Lamas de Feás, ampliado esta semana cun proxecto a exposición pública con tres novas máquinas (Lamas II), mostraron a súa disposición a promover asembleas en aldeas como Covas (Os Blancos), que ficaría rodeada de aeroxeradores de 180 metros de altura. Tamén desde o público se evidenciou a preocupación sobre a ameaza das expropiacións de terras, algunhas delas en produción (apícola, por exemplo). Animouse ás comunidade de montes a se informar e informar a comuneiros e veciños afectados, e sinalouse a carencia de “utilidade social” dos macro polígonos eólicos, que segundo opinou o público non servirán para abaratar o custe da luz nin sequera para abastecer de electricidade ao país, senón que esa enerxía levarase fóra para cubrir as necesidades doutros.

Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo de Limia, tamén falou para apoiar os argumentos contra a enxurrada de proxectos eólicos, que cualificou como “terrorismo ambiental”. Lama lembrou que o Concello de Xinzo xa se opuxo á LAT do Larouco que promove Iberdrola e oporase tamén ao proxecto Tramontana que afecta a territorio do concello.

PROPOSTA DE MORATORIA EÓLICA.Lama recibiu esta semana a representantes da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e do Club Parapente Baltar, quen solicitaron que o pleno debata unha declaración institucional de moratoria eólica. A alcaldesa comprometeuse a tramitar o texto proposto en forma de moción. Tamén se comprometeu Camilo Vila, próximo candidato a alcalde do BNG, formación que comparte goberno co PSOE, e foron interpelados ademais os outros dous socios no goberno local.


energía eólica /