O conxunto etnográfico do Cebreiro leva pechado todo o mes de agosto porque a Xunta non cubriu a baixa do seu vixilante
A CIG-Administración Autonómica denuncia a “incapacidade” da administración “para realizar o seu traballo”.
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar que o conxunto etnográfico do Cebreiro leva pechado todo o mes de agosto porque a Xunta de Galiza foi “incapaz” de realizar un chamamento, polas listas de substitución, para cubrir a baixa do vixiante do museo. Porén, tal e como figura na web Museos de Galiza, a xustificación que dá a administración é que “este centro permanecerá pechado puntualmente por causas técnicas”.
Segundo explican, no Cebreiro hai, nestes momentos, 34 persoas apuntadas nas listas de substitución para ese posto e o trámite para realizar o chamamento pode durar 3 días. Por iso consideran que “a única causa técnica que existe” para ter este conxunto etnográfico pechado durante todo un mes “é a incapacidade dos xestores políticos da Xunta de Galiza para realizar o seu traballo”.
O centro está formado por catro pallozas, tres delas musealizadas. Na web Cultura de Galiza informan ademais da exposición dos traballos derivados do “III Encontro Internacional de cestería no Camiño” que se podería visitar, teoricamente, do 1 de xullo ao 30 de setembro deste ano. O que significa que dos 3 meses que dura a exposición, un mes xa non se puido visitar.
A CIG-Administración Autonómica pregúntase como pode a Xunta de Galiza ter pechado o único espazo musealizado que ten en todo o Camiño Francés. “Un conxunto único, que permite aos visitantes que acaban de entrar en Galiza realizar unha inmersión instantánea nunha Galiza que xa non existe, pero que nos conforma como pobo”.