Ecoloxistas en Acción e Adolescencia Libre de Smartphones (ALS) apoian a manifestación en defensa dos servizos públicos
- Adolescencia Libre de smartphones (ALS) e a campaña “escola saudábel” de Ecoloxistas en Acción súmanse ao Manifesto Unitario pola Defensa dos Servizos Públicos asinado por sindicatos da administración pública, axentes claves do eido educativo (asociacións de nais e pais, traballadores do ensino, directoras e directores de colexios públicos), así como das familias de nenas e nenos con enfermidades mentais, foros socioeducativos ou de loita contra a pobreza e a inclusión social.
- Mostran como a hiperdixitalización das aulas está de costas ás recomendacións como as da Asociación Española de Pediatría, e, lonxe de contribuír a unha mellora da aprendizaxe, introduce de forma precoz e disruptiva dispositivos dixitais adictóxenos, sen atender ao coñecemento científico das súas repercusións negativas recoñecidas nos eidos da aprendizaxe e a atención, do desenvolvemento, e da saúde física e mental.
- Ecoloxistas en Acción e ALS subliñan como a enorme dilapidación de recursos dunha hiperdixitalización desregulada da escola dende 2010 está ligada de forma exponencial ao detrimento dos investimentos verdadeiramente necesarios no ensino (aumento do ratio de persoal docente e do profesorado de apoio ao alumnado con necesidades especiais), o que se suma ó deterioro de servizos sociais e sanitarios como os de saúde mental infanto xuvenil.
As máis de 600 familias galegas que participan en Adolescencia Libre de Smartphones (ALS), xunto a Ecoloxistas en Acción, demandan ás administracións públicas reformular a súa política de dixitalizar as aulas e de fomentar campamentos dixitais en menores, para ser consecuentes coas recomendacións das sociedades médicas e pediátricas, os ditames de institucións e grupos de persoas expertas, as conclusións dos informes PISA e o amplísimo corpo de estudos e investigacións, que sinalan as consecuencias negativas das pantallas para a aprendizaxe e o desenvolvemento físico e emocional saudábeis. Esta reformulación xa a comezaron a realizar en Suecia dende 2023 co retorno dos libros ás aulas.
O millonario investimento en medios e infraestruturas dixitais por parte da Xunta de Galicia para “favorecer a conversión dos centros educativos tradicionais a centros educativos dixitais” converteu uns 600 centros galegos ao uso intensivo dixital. O informe PISA 2022, onde se miden rendementos (e non cualificacións como nos datos da Xunta), indica claramente como nos centros de uso intensivo dixital nos países e territorios da OCDE, como aqueles nos que se aplica o E-Dixgal, hai claramente unha baixada nas aprendizaxes básicas. O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) xa alertou, en abril de 2024, que “só nos últimos cinco anos licitáronse 23 contratos relacionados co E-Dixgal por un valor superior a 100 millóns de euros (concretamente 101.889.510,53 euros). Contratos que foron parar a grandes multinacionais como Telefónica, Everis o El Corte Inglés”, en vez de potenciar os recursos humanos necesarios.
A este enorme dispendio de recursos públicos súmanse o tempo e esforzo do persoal docente na formación no uso das novas ferramentas para cumprir cunhas competencias dixitais que, en todo caso poden garantirse sen pantallas. Tempo e esforzo roubado a outros focos de atención necesarios para unha educación de calidade. Por outra banda, o profesorado específico para o mantemento e organización dixital do centro podería dedicarse a labores necesarios e deficitarios de atención directa ao alumnado.
Ecoloxistas en Acción e as familias de ALS solicitan paralizar e reverter un investimento “dixital” que non atende a criterios académicos nin ás recomendacións sanitarias, ignoradas, como as da Asociación Española de Pediatría que require unha actuación urxente “tanto dos gobernos como do sistema educativo”. Consideran inaprazable e inescusable o despregamento de políticas que atrasen a incorporación disruptiva de pantallas en menores para atender a criterios científicos nos eidos de saúde, aprendizaxe, desenvolvemento, socioambiental, así como de respecto á privacidade, como subliña a Axencia de Protección de Datos. Demandan recuperar ditos investimentos para o necesario aumento do ratio do persoal docente e do profesorado de apoio ao alumnado con necesidades especiais (desatendido polo E-Dixgal), sen esquecer a exixencia de reforzar servizos sociais e sanitarios, como no eido da saúde mental infanto-xuvenil.