José Antonio Gil Martínez •  Redacción •  Galicia •  07/12/2016

Esquerda Unida denuncia a privatización dos 69 albergues públicos do Camiño de Santiago

ACS, o Grupo empresarial de Florentino, convértese na maior adxudicataria de servizos públicos de Galicia. A Xunta fuxe das súas responsabilidades como Administración Pública e usa o diñeiro de galegas e galegos para lucrar os intereses mercantís de ACS

Esquerda Unida denuncia a privatización dos 69 albergues públicos do Camiño de Santiago

A privatización do noso sistema público ideada polo executivo de Feijóo segue adiante sen ningún tipo de rubor. O Camiño de Santiago, patrimonio histórico, cultural e natural de Galicia, así como patrimonio da humanidade, “tampouco escapa a esa estratexia privatizadora vergoñenta”, sinala Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE.

“A visión mercantilista do noso patrimonio xa desencadeou un ataque sen precedentes coa canallada perpetrada no Castelo de Monterrei ou no entreguismo a empresas amigas do PP dos parques arqueolóxicos. Agora os 69 albergues públicos que figuran como estrutura de apoio imprescindible para peregrinos, viaxeiros e turistas, foron entregados, coma se dun regalo se tratase -quen sabe que favores se agochan detrás destas operacións-, a Florentino que, deste xeito, a través de Clece, seguirá incrementando a súa conta de beneficios a costa do diñeiro público de galegos e galegas”, explica.

Os albergues do Camiño de Santiago foran privatizados no ano 2008, sendo entregados a Alvite Servicios Integrales ata que neste mesmo 2016 decidiron renunciar por “falta de rendibilidade” dos mesmos. “Despois de que a Xunta entregase a xestión a dedo a OHL Servicios-Ingesan durante 6 meses, agora foron regalados a Florentino a través dun prego de condicións que, como é habitual, sempre beneficia á empresa grande”, sinala Ron.

“No momento en que finalizaba a xestión de OHL Servicios-Ingesan, a ineficaz Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a desastrosa Axencia de Turismo de Galicia  e a Xunta de Galicia, en vez de recuperar o carácter plenamente público da xestión dos albergues do Camiño de Santiago, fixeron o que mellor saben facer que é renunciar á súa responsabilidade como administración pública e decidiron seguir adiante co proceso de privatización da rede de albergues públicos. A cambio de que? Como entender que algo que non dá rendibilidade económica -porque a rendibilidade debe ser ante todo, como servizo público que é, social- sexa recibido con alegría por unha empresa privada acostumada a precarizar á clase traballadora galega e degradar os servizos públicos que xestiona? Como reciben a nova as persoas que, con todo tipo de trabas burocráticas e impedimentos, deciden investir e crear un albergue privado?”, se pregunta o Xabier Ron.

Desde Esquerda Unida, tal e como defendemos en reiteradas ocasións no Parlamento de Galicia, tanto dende AGE ou agora dende En Marea, o noso patrimonio histórico, cultural e natural non pode vivir sometido á cobiza empresarial e á incapacidade da Xunta para xestionar desde o público os albergues do Camiño de Santiago. Cómpre a reversión e a recuperación da xestión plenamente pública da rede de albergues do Camiño de Santiago.


Camino de Santiago /  privatización /