A CIG non asina o acordo de ERE e ERTE no CTAG porque contempla despidos forzosos
- A decisión de rescindir até 96 contratos quedará en mans da empresa con sede no Porriño no caso de que non se alcance o número de adscricións voluntarias.

A CIG negouse este venres a asinar o acordo de ERE e ERTE no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) ao contemplar despidos forzosos no caso de que non se alcance o número de adscricións voluntarias. De xeito que a decisión de rescindir até 96 contratos quedará en mans da dirección da empresa con sede no Porriño.
Dende a representación da central sindical na empresa lamentan que “tras semanas de negociacións intensas, mobilizacións e esforzos por parte do cadro de persoal o ERE segue a contemplar saídas forzosas se non se cobren as voluntarias (fixadas en 96 persoas), polo que a decisión queda en mans da dirección a través dun sistema de dobre voluntariedade, no que a empresa acepta ou rexeita estas adscricións”.
Así mesmo, denuncian que o ERTE presentado, cun período de aplicación do 1 de decembro deste ano até o 31 de decembro de 2026, “carece totalmente de garantías e convértese nunha medida de flexibilidade en mans da compañía, xa que todas as decisións quedan ao arbitrio da dirección; que mesmo se reserva a capacidade de decidir de forma unilateral a afectación individual das 80 xornadas de suspensión de contrato (a quen, en que momento e cando e durante canto tempo)”.
Por non falar de que non se establece un reparto equitativo entre todo o cadro de persoal e, ao mesmo tempo, acórdase a posibilidade dunha prórroga para 2027 no caso de que non se cumpran todas as xornadas de suspensión en 2026.
Tanto o ERE como o ERTE teñen como ámbito de afectación o centro de traballo de Pontevedra, e inclúe a todas as persoas traballadoras, a pesar de que a empresa ten outros centros de traballo no Estado e as memorias xustificativas refírense á situación global da empresa. “A dirección tampouco quixo establecer ningún compromiso de mantemento do emprego en ningún dos expedientes presentados”, censuran.
Outra cuestión que levou a CIG a rexeitar o acordo ten que ver con que os criterios de determinación das persoas afectadas non son nin obxectivos nin verificables, pois a empresa non quixo concretar cales son as persoas traballadoras que están “por baixo dos custes de explotación” nin as que considera “menos produtivas”, entre outros criterios xerais (tamén sen concreción). Tampouco se incorporan medidas que ofrezan seguridade ou estabilidade ao persoal neste proceso.
O persoal paga as consecuencias dunha mala xestión
Para rematar, na central sindical consideran especialmente grave que ao longo de toda a negociación a dirección se negara a exercer a máis mínima autocrítica. “Non recoñece erros de planificación, nin fallos de organización, nin responsabilidades na situación creada”. Pola contra, “volve cargar nas costas do cadro de persoal as consecuencias dunha mala xestión, dunha deficiente organización interna e de decisións empresariais impropias dun centro tecnolóxico da súa dimensión, mentres insiste en medidas lesivas para o emprego e para a estabilidade das familias que dependen da empresa”.
Polo que lamentan que as persoas traballadoras do CTAG teñan que pagar agora as consecuencias da incompetencia directiva. “A empresa rexeita introducir garantías, evita asumir responsabilidades e utiliza o ERE e o ERTE como ferramentas de flexibilidade ao seu favor, en lugar de apostar polo diálogo real de boa fe, a planificación rigorosa e o compromiso de reestruturar CTAG e de cambiar as súas políticas internas”, conclúen.
