O candidato do BNG á alcaldía de Brión Xosé Luís Penas volve darlle o control do Dolmen de Dombate ao Partido Popular
O tamén deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación coruñesa aportou este ano máis de 62.000 euros ao Concello de Cabana de Bergantiños dándolle a coordenación ao alcalde José Muíño Domínguez (PP) da criticada actividade cultural do centro arqueolóxico e o seu recinto, no que xa chegara a permitir dende o organismo provincial a realización de actividades circenses no verán do ano 2021.
Entidades da Costa da Morte levan anos rexeitando as actuacións de Xosé Luís Penas Corral e o seu inexplicable apoio ao Partido Popular de Cabana e ao seu alcalde, que en anteriores lexislaturas chegou mesmo a organizar actividades no Centro Arqueolóxico tan variopintas como a venda de cestos, exposicións de calceta ou xornadas gastronómicas.
Xa en 2016, a situación do Dolmen de Dombate e a máis que cuestionable xestión cultural do alcalde de Cabana chegara ao Parlamento a través dunha Proposición Non de Lei (PNL) na que o deputado de Xabier Ron instaba á Xunta de Galicia a asumir o control do monumento e o seu centro arqueolóxico dado o descontrol existente evidenciando, textualmente, que os convenios establecidos entre o concello e a Deputación Provincial da Coruña «non eran os máis axeitados» para este Ben de Interese Cultural, alertando que o consistorio non estaba a xestionar ben o centro «e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural».
Para veciños e entidades, actualmente a situación permanece invariada e un número significativo das actividades que se realizan no recinto arqueolóxico nada teñen que ver co seu obxectivo de creación, converténdose esta instalación arqueolóxica, que debería ser de referencia, en sala de concertos ou de exposicións que nada teñen que ver co contexto que se lle supón a un monumento megalítico que debería ser de referencia.
Neste sentido, a última actividade aprobada por Xosé Luis Penas chegada dende unha grande superficie comercial ao Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate foi a instalación dunha serie de castelos e monumentos realizados con pezas do xogo Exín Castillos, sen dúbida moi apropiada noutro contexto expositivo dirixido á infancia pero moi criticada por instalarse nun centro de interpretación da prehistoria co que, alén do tema «patrimonial», non ten ningún tipo de relación.
Imaxe da última exposición de construccións en Exín Castillos que acolle o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, que non garda ningún tipo de relación co contexto prehistórico do monumento.Asociacións e especialistas están a alertar que moitas das actividades desenvolvidas a día de hoxe no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate son incompatibles co espírito do Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico, que desenvolvido en Malta e 1992 e ratificado polo Goberno Central en 2011, recoñece que o patrimonio arqueolóxico europeo, como verdadeira «testemuña da historia antiga» está «gravemente ameazado de deterioro», razón pola que as autoridades competentes deben protexelo de maneira eficaz «en tanto que son unha fonte de memoria colectiva europea e como instrumento de estudo histórico e científico», o que debe quedar reflectido nas políticas de desenvolvemento cultural velando porque a apertura ao público deste tipo de lugares «non afecte negativamente ao carácter arqueolóxico e científico de tales emplazamentos e a súa contorna».