Redacción •  Galicia •  17/04/2024

CIG-Correos concéntrase na oficina principal de Compostela para denunciar a sobrecarga e os recortes na entidade

A CIG-Correos xunto coas compañeiras e compañeiros de distintas oficinas, concentráronse este martes, diante da oficina principal da entidade, na rúa do Franco para denunciar a sobrecarga de traballo e os recortes na entidade.

CIG-Correos concéntrase na oficina principal de Compostela para denunciar a sobrecarga e os recortes na entidade

Con esta mobilización CIG-Correos quere darlle visibilidade ao cansazo e ao fastío das traballadoras e traballadores da maior empresa pública do estado, diante da política de NON contratación que está levando á cabo a mesma.

Tal e como se pode constatar nos últimos tempos, non se cobren con persoal eventual os distintos  permisos retribuídos, nin as baixas médicas. Do mesmo xeito, estanse asumindo recargos permanentes nas distintas unidades, o que provoca que, en moitos casos, se teñan que percorrer distancias quilométricas inasumibles, tal e como veñen denunciando desde vai meses as traballadoras e traballadores da U.R. de Lalín.

Xunto a isto fan fincapé en que estas cargas de traballo están impedindo que, na maioría dos casos, se cumpra co SPU (Servizo Postal Universal) que ten encomendado Correos, ao non se garantir o reparto diario da correspondencia, (5 días a semana) o que vai en detrimento da calidade do servizo.


correos /