En Marea •  Redacción •  Galicia •  23/08/2016

Luís Villares destaca o compromiso de En Marea co equilibrio territorial e a solidariedade en clave de país

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia asegurou na presentación da candidatura pola provincia de Lugo, que “as listas de En Marea conteñen todos os ingredientes necesarios para ser as listas do cambio”.

Luís Villares destaca o compromiso de En Marea co  equilibrio territorial e a solidariedade en clave de país

En Marea presentou hoxe en Lugo aos homes e mulleres que conforman a candidatura pola provincia de Lugo. O acto tivo lugar na Porta Miñá, a máis antiga da muralla lucense, escollida polo seu simbolismo. Esta presentación é a primeira das catro que se van a levar a cabo nos vindeiros días para dar a coñecer as distintas candidaturas provincia a provincia. O candidato á presidencia da Xunta de Galicia e cabeza de lista por Lugo, Luís Villares, explicou que o feito de comezar por Lugo serve para deixar de manifesto a aposta polo equilibrio e a xustiza territorial e social de todos os integrantes da Marea galega. “O noso compromiso territorial é real, o feito de que me presente por Lugo sendo candidato á presidencia da Xunta de Galicia ten moito que  ver coa miña traxectoria vital pero sobre todo co compromiso da Marea galega co equilibrio territorial e a solidariedade en clave de país” destacou Luís Villares. Este equilibrio territorial foi defendido de igual xeito pola número 2 de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, quen salientou o traballo que En Marea levará a cabo para situar a Lugo no mapa galego.

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia defendeu na presentación que as listas de En Marea “conteñen todos os ingredientes necesarios para ser as listas para o cambio, cos mellores homes e mulleres capacitados profesionalmente, punteiros dentro dos seus sectores, que recollen a pluralidade do partido e da propia sociedade”. Por este motivo asegurou “queremos ser hexemónicos politicamente, xa o somos na sociedade e tamén o queremos selo electoralmente”.

O proxecto de En Marea quere vertebrar en clave nacional o noso país e facelo en clave de xustiza social e control da democracia tamén a nivel económico e institucional como salientou Villares. Así inclúe propostas para á provincia tanto en materia de servizos sociais onde impulsar uns servizos que non deixen a ninguén atrás tanto no ámbito rural como urbano; a nivel de infraestruturas para que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades de dinamismo económico e de mobilidade; a nivel de sanidade para ter uns servizos públicos ao servizo da xente en tempos adecuados; a nivel de medio rural entendendo que é un sector fundamental para a provincia; a nivel de industria tanto no sur, norte como no centro entendendo que “non se fixo todo o que se debía facer cun goberno que o que fixo foi desvaler totalmente aos traballadores”. Entre as propostas de En Marea destaca a necesidade de impulsar os sectores produtivos como o lácteo galego “totalmente desatendido por Núñez Feijóo que se dedicou exclusivamente a renegar de Galicia, manifestando o seu desexo de marchar de Galicia e que agora canso vaise sentando de banco en banco”. “O único banco no que cremos nós é aquel no que se poda sentar a nosa xente maior e nunha banca pública que sexa capaz de canalizar os investimentos como vai facer o IGAPE a partir do vindeiro 25 de setembro cando cremos entre outros o grupo lácteo galego” afirmou Luís Villares.

O candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia incidiu na necesidade de construír un proxecto nacional para Galicia xa que constitúe o elemento de solidariedade e equilibrio territorial, e un proxecto de democracia e xustiza social que pasa polo control sobre as decisións económicas que “ata agora nos foron roubadas polos poderes públicos, un tema que Feijóo deixou aparcado polo seu absoluto desinterese “. Así mesmo, a xustiza social que defende En Marea centrase en repartir renda e riqueza garantindo a todo o mundo as mesmas oportunidades. “Este é o programa da Marea galega e niso estamos remando todos e todas os que a integramos” concluíu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia.

O acto de presentación da candidatura correu a cargo de Cristina Pérez Herraiz, concelleira do Grupo Municipal de Lugo Novo, e no que estiveron presentes tamén o número 3 da candidatura de En Marea por Lugo, Víctor Andrés Álvarez, e a número 4, María Isabel García Díaz.


En Marea /  Luis Villares /