En Marea •  Redacción •  Galicia •  08/05/2019

Antón Sánchez: «A Lei de Depredación non se fixo para evitar a deslocalización, senón para facilitarlle as cousas ás empresas eléctricas e mineiras dun xeito antidemocrático»

O vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova ven de pedir esta semana no Parlamento a derrogación da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, dentro do texto dunha moción para que o Parlamento galego instase ao Goberno autonómico a cesar ao director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, mudar as políticas mineiras e facelas máis responsables dacordo coa lexislación vixente e desestimar o proxecto de reapertura da mina de Touro. 

Antón Sánchez: «A Lei de Depredación non se fixo para evitar a deslocalización, senón para facilitarlle as cousas ás empresas eléctricas e mineiras dun xeito antidemocrático»

No Pleno celebrado o martes 7 de maio no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez espuxo na súa intervención que la Lei 5/2017 vendeuse por parte do PP «como a panacea contra a deslocalización de empresas e a fixación de capital estranxeiro en Galicia», pero que en realidade os datos indican o fracaso da norma, pois Galicia captou no primeiro semestre do ano 32,6 millóns de euros, un 33% menos do que xa captara no mesmo período do ano anterior, nun ano no que o Estado español foi record no incremento de captación de inversión estranxeira.

Para o deputado, a denominada «Lei de Depredación» non se fixo para evitar a deslocalización e para captar esforzo inversor estranxeiro, senón «para facilitarlle entre outras cousas as empresas eléctricas e mineiras o seu futuro, facerlle unha lei á carta e ademáis dun xeito antidemocrático coma o que se fixo», algo que avalan con claridade as estatísticas. 

No ano 2017, durante a súa tramitación, Sánchez xa afirmara que esta lexislación permitía a supresión de requisitos esenciais a nivel de protección ambiental e patrimonial a prol dos intereses económicos dunha minoría. «Actívase a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, senón para as grandes corporacións empresariais; así lexislan os señores do Partido Popular» -denunciara naquel momento o deputado-.

A iniciativa, que contou co apoio do BNG e a abstención do PSdeG, rexeitouse finalmente polos votos contrarios da maioría absoluta do PP na Cámara galega. 


Ángel Bernardo Tahoces /  Anova /  Antón Sánchez /  En Marea /  Lei de depredación /  Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia /  mina de Touro /  Partido Popular /  PP /