Redacción •  Galicia •  09/08/2022

Stop Eólicos Xures Celanova convoca unha charla en Verea para informar sobre os impactos negativos da masiva instalación de eólicos

A charla, na que participarán o Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción, desenvolverase na Casa da Cultura de Verea este sábado, 13 de agosto, a partir das 20:00 horas.

Stop Eólicos Xures Celanova convoca unha charla en Verea para informar sobre os impactos negativos da masiva instalación de eólicos

A plataforma Stop Eólicos Xures Celanova organiza unha charla informativa sobre os diferentes proxectos que as empresas ACS, BayWa e Greenalia pretenden instalar nos montes centrais do Concello de Verea, en continuidade do polígono industrial eólico P.E. do Vieiro (19 aeroxeradores, en funcionamento desde o 2009).

A charla informativa, para a que a plataforma, por medio de veciñas de Verea, solicitou a mesma instalación municipal na que o goberno local deu conta en maio das afeccións do proxecto da Liña de Alta Tensión de Greenalia, celebrarase este sábado, 13 de agosto, a partir das 20:00 horas na Casa da Cultura de Verea.

Stop Eólicos Xures Celanova conta coa colaboración de Ecoloxistas en Acción e do Sindicato Labrego Galego, que participarán na charla informando sobre as afeccións dos polígonos eólicos sobre a fauna e sobre os aproveitamentos agrogandeiros. A plataforma, pola súa parte, informará á veciñanza de Verea sobre as afeccións e o proceso de tramitación dos proxectos P.E. Fontesanta (Greenalia, no Monte Grande), P.E. Monte da Neve (Bay Wa), LAT Lamas de Feas-A Frieira (Greenalia) e o último en iniciarse: un proxecto da empresa ACS, segundo foi presentado a presidentes das comunidades de montes, que instalaría 7 aeroxeradores nos montes de Casares-Balín, Orille, Outeiro e Sanguñedo.

En total, sobre o territorio de Verea, están proxectados 5 aeroxeradores do P.E. Monte da Neve; 1 do P.E. Monte Grande; 7 do plan atribuído a ACS; ademais dos 19 xa en funcionamento no Vieiro, así como unha nova liña de evacuación que entraría no termo municipal próxima ao núcleo do Vieiro e pasaría a carón de Portela, Fontechide e Cexo, deitando 36 novas torres de alta tensión.

Segundo o mapa do Rexistro Eólico de Galicia, o 47% do territorio de Verea é zona de aproveitamento eólico; é dicir, o número de aeroxeradores actuais e xa previstos (un total de 32 segundo o que declaran as empresas) podería multiplicarse por dous, ou por tres ou… sen que coa actual política da Xunta de Galicia, do Estado e do concello as veciñas e veciños teñan nada que dicir mentres sofren un bombardeo sobre os supostos beneficios económicos da instalación de polígonos eólicos ao tempo que se lles agocha calquera afección sobre o solo, a flora e a fauna, os aproveitamentos forestais, agrícolas e gandeiros, o patrimonio, a paisaxe, o turismo e, sobre todo, sobre as augas e a saúde das persoas, os últimos habitantes de aldeas como Sanguñedo, Casares, Balín, Outeiro, Albos, Cardeo, A Cigarrosa, Fontechide, Castro, Cexo, Carballo, Laioso ou Casal do Bispo.

Todos estes proxectos estanse a desenvolver de costas á veciñanza. A plataforma considera que é necesario ampliar a moi escasa información que vén recibindo a veciñanza sobre os impactos negativos deste tipo de instalacións industrial que hipotecan a parte máis sensíbel do territorio, os montes, coas súas augas e as súas riquezas naturais (con cesións de dereitos por máis de 30 anos). Stop Eólicos Xures Celanova alerta sobre o efecto expulsión da poboación que provoca a instalación masiva de aeroxeradores sobre calquera área do territorio.

Verea, Celanova, 9 de agosto de 2022.


energía eólica /