Redacción •  Galicia •  10/03/2024

BNG leva ao Congreso garantir a Transición Xusta real para As Pontes

  • Néstor Rego defenderá a vindeira segunda feira, 11 de marzo, unha iniciativa na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico sobre o nó de evacuación de Transición Xusta das Pontes.
BNG leva ao Congreso garantir a Transición Xusta real para As Pontes

O BNG leva a debate e votación na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico unha iniciativa para manter os 1.400MW de capacidade de evacuación no nó de Transición Xusta do Concello das Pontes. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá o vindeiro luns a necesidade de que o Goberno do Estado garanta unha transición xusta e real e insta o executivo a convocar o Concurso de Transición Xusta e á Mesa de Transición Xusta das Pontes.

Na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico da vindeira segunda feira, o BNG leva a debate e votación unha iniciativa para manter os 1400 MW de capacidade de evacuación que tiña asignada a Central Térmica das Pontes no nó de Transición Xusta do Concello das Pontes.

Do mesmo xeito, a iniciativa recolle a necesidade de “proceder á convocatoria inmediata e urxente do Concurso de Transición Xusta para a adxudicación dos 700MW dos grupos 3 e 4 deste nó de Transición co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó de Transición da CT de Andorra-Teruel, mantendo dispoñíbeis para o sistema os dous grupos restantes até que non se garantan as condicións socioeconómicas necesarias para unha verdadeira transición xusta coa execución de proxectos empresariais e industriais alternativos de continuidade, momento en que a súa capacidade tamén deberá ser obxecto de concurso”.

Por último, o BNG introduce na súa Proposición Non de Lei que o Congreso insta o Goberno do Estado a convocar de maneira inmediata e urxente da Mesa de Transición Xusta das Pontes “coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de REDEIA como operador do sistema”.

Rematar coa discriminación das Pontes

“Xa non hai escusas para seguir demorando o Concurso de Transición. Urxe que se aclare todo o relativo ao nó de Transición das Pontes e que se impulse, coa maior brevidade posíbel, o Concurso de Transición das Pontes, unha importante ferramenta para evitar o desastre económico e social que suporá o fechamento da central térmica sen alternativas industriais nin laborais” asevera Rego.

Segundo expón o deputado nacionalista, é preciso rematar con esta situación que mesmo está provocando un grave impacto sobre a poboación. “É necesario que se consiga e se promova unha transición xusta real, que poida realizarse de forma progresiva e facilite a implantación de novos proxectos industriais para evitar a destrución de emprego e da capacidade económica” finda Néstor Rego.


transición energética /