A contaminación por ozono no Estado español durante 2025
- A contaminación por ozono repunta en Galicia durante 2025 polas vagas de calor estivais.
- As dúas intensas e prolongadas ondas de calor estivais de 2025 elevan as puntas de ozono ao seu nivel máis alto desde 2022, afectando a práctica totalidade da poboación galega.

O informe estatal sobre ozono elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos compilados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2025 en 32 estacións oficiais de medición da calidade do aire repartidas por Galicia. Entre as principais conclusións do informe salientan as seguintes:
- O ozono é un contaminante moi complexo, que non ten unha fonte humana directa, senón que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores, emitidos principalmente polo transporte e a maquinaria móbil, a gandaría intensiva, os incendios forestais, o uso de disolventes e a combustión non industrial. Trátase polo tanto dun contaminante típico da primavera e o verán.
- Debido ás características climáticas de Galicia a formación de ozono é moderada, evitando que se acaden as elevadas concentracións que teñen lugar noutros territorios. Durante 2025 os seus niveis foron os máis altos desde o ano 2022, como consecuencia das dúas intensas e prolongadas vagas de calor do verán, o máis cálido desde que se dispón de rexistros.
- O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia o valor diario recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), de acordo ao cal o aire contaminado por ozono volveu afectar en 2025 a toda a poboación galega, agás a das cidades de Lugo e Pontevedra. No entanto, durante este ano non se identificou poboación exposta a niveis superiores ao obsoleto obxectivo legal vixente nin ao novo obxectivo legal aprobado para 2030 pola Unión Europea, menos estritos que a recomendación da OMS.
- A frecuencia das superacións do valor obxectivo legal foi moi inferior á dos anos previos á pandemia da COVID-19, cun descenso do 53 % en relación á media das rexistradas no período 2012-2019, no conxunto de Galicia. A estación do Saviñao (Lugo) excedeu en cinco ocasións o limiar de información á poboación durante o episodio de mediados de agosto, coincidindo coa proliferación de lumes rurais.
- A contaminación por ozono debe abordarse como un problema sanitario de primeira orde, que causa cada ano ata 500 mortes en Galicia, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, afectando a nenas e nenos, maiores, mulleres embarazadas e persoas con doenzas cardiorrespiratorias. Durante o verán de 2025, o Instituto de Saúde Carlos III estimou un exceso de 403 mortes na nosa terra pola calor e o ozono.
- A información á cidadanía por parte das administracións públicas non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema. A Xunta de Galicia limitouse a difundir avisos informativos rutineiros durante o episodio de ozono no Saviñao. O protocolo de actuación do Goberno autonómico fronte a estas puntas de polución non contempla medidas para este contaminante.
- As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire por ozono son diminuír a queima de combustibles fósiles, extensificar a produción gandeira e impedir a apertura de novas macrogranxas, previr os incendios forestais, substituír os disolventes orgánicos por auga, ordenar adecuadamente o despregamento das enerxías renovábeis e aprobar a área de Control de Emisións acordada no Atlántico Nordés.