Ferrolterra unha comarca traizoada
Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español, atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por tódolos gobernos e tódalas as administracións.
Dende a reconversión do PSOE de Felipe González que decidiu ferir de morte a industria Naval na Comarca matando a ASTANO e deixando a BAZAN gravemente ferido, ata un «Plan Ferrol» que prometía reindustrializar a nosa Comarca e que ao final quedou en practicamente nada.
Os distintos gobernos a nivel Estatal e Nacional, en Madrid e en Santiago, seguiron dandonos as costas e afondando na ferida pola que a Comarca se vai desangrando.
NAVANTIA, ENDESA, POLIGAL, GAMESA, e un longo etcétera de empresas que foron afondandose no lodazal das crisis que sempre pagamos a un prezo desorbitado nesta terra de loita e traballo.
Existe unha débeda histórica con Ferrolterra, unha débeda ainda máis grande dende a mirada da esquerda.
Aquí naceu o día da clase obreira galega, o 10 Marzo de 1972 a sangue de traballadores valentes que defendían os seus dereitos foi derramada, en plena dictadura franquista a clase traballadora desta comarca loitadora estivo disposta a dar a vida, como a deron Amador e Daniel, aquel día que quedará grabado na historia da clase traballadora.
Hoxe continúa a sangría na nosa Comarca, fai pouco con POLIGAL, agora cos despedimentos na fábrica de GALICIA TEXTIL de Xuvia, o peche de GAMESA e a situación que segue a ser desesperada en NAVANTIA.
Agora máis que nunca, cun goberno que se di de esquerdas, cunha ministra de traballo nacida na nosa comarca que coñece ben a historia da comarca traizoada, da loita obreira, do noso movemento sindical, debemos reclamar xustiza para Ferrolterra.
A comarca do 10 de Marzo, do día da clase obreira galega, das folgas xerais e comarcais exitosas, das manifestacións masivas, reclama hoxe e unha vez máis xustiza e reparación.
André Abeledo Fernández (Delegado da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia de A Coruña).