André Abeledo Fernández •  Opinión •  02/07/2021

Ferrolterra a xusta loita dunha comarca traizoada

Ferrolterra non pode ser unha cidade de servizos, non podemos subsistir sin empresas de alto valor engadido que permitan crear empregos de calidade capaces de reactivar a nosa economía e rematar coa sangría que levou a nosa Comarca a ver como millares de persoas tiveron que emigrar para poder sobrevivir.

Queremos traballar e non mendigar ou emigrar, queremos que cumpran a palabra dada durante décadas a todo un pobo.

Ferrolterra unha comarca traizoada
Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español, atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por tódolos gobernos e tódalas as administracións.

Dende a reconversión do PSOE de Felipe González que decidiu ferir de morte a industria Naval na Comarca matando a ASTANO e deixando a BAZAN gravemente ferido, ata un «Plan Ferrol» que prometía reindustrializar a nosa Comarca e que ao final quedou en practicamente nada.

Os distintos gobernos a nivel Estatal e Nacional, en Madrid e en Santiago, seguiron dandonos as costas e afondando na ferida pola que a Comarca se vai desangrando.
NAVANTIA, ENDESA, POLIGAL, GAMESA, e un longo etcétera de empresas que foron afondandose no lodazal das crisis que sempre pagamos a un prezo desorbitado nesta terra de loita e traballo.

Existe unha débeda histórica con Ferrolterra, unha débeda ainda máis grande dende a mirada da esquerda.

Aquí naceu o día da clase obreira galega, o 10 Marzo de 1972 a sangue de traballadores valentes que defendían os seus dereitos foi derramada, en plena dictadura franquista a clase traballadora desta comarca loitadora estivo disposta a dar a vida, como a deron Amador e Daniel, aquel día que quedará grabado na historia da clase traballadora.

Hoxe continúa a sangría na nosa Comarca, fai pouco con POLIGAL, cos despedimentos na fábrica de GALICIA TEXTIL de Xuvia, o peche de GAMESA e a situación que segue a ser desesperada en NAVANTIA.

Agora máis que nunca, cun goberno que se di de esquerdas, cunha ministra de traballo nacida na nosa comarca que coñece ben a historia da comarca traizoada, da loita obreira, do noso movemento sindical, debemos reclamar xustiza para Ferrolterra, debemos exigir solucións e un plan que devolva a nosa comarca o que dende os distintos gobernos e administracións lle teñen roubado.

A comarca do 10 de Marzo, do día da clase obreira galega, das folgas xerais e comarcais exitosas, das manifestacións masivas, reclama hoxe e unha vez máis xustiza e reparación.

André Abeledo Fernández (Delegado da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia de A Coruña).


Opinión /