André Abeledo Fernández •  Opinión •  10/03/2017

Dez de marzo de 1972. “DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA”

Dez de marzo de 1972. “DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA”

Cómprense 45 años  dos asasinatos de Amador  e Daniel  mártires  da clase obreira.  

O sete de febreiro de 1972 tíñase asinado en Madrid, por parte do Sindicato Vertical un convenio interprovincial dos diferentes estaleiros do país.

O oito de febreiro celebrábase en Ferrol unha asemblea de traballadores que se manifesta en contra da sinatura, e convocase unha nova asemblea para o día nove de Marzo. A resposta por parte da patronal a esta convocatoria é o despido de seis dirixentes sindicais.

O día nove de Marzo, ante o despedimento dos dirixentes obreiros os traballadores deciden parar a produción e concentrarse  dentro do estaleiro ata que os seus compañeiros foran readmitidos. Ala polas tres da tarde a empresa ameaza aos traballadores co desaloxo policial. Sobre as cinco da tarde a policía entra na factoría e desaloxa aos traballadores pola forza co resultado de máis de vinte feridos. 

Os enfrontamentos entre os traballadores e a policía trasládanse as rúas e durante a noite escóitanse os primeiros disparos das forzas de represión franquista.

As 7:30 da maña do día dez  de marzo de 1972 os traballadores  concéntranse ante as portas pechadas do estaleiro de Bazán, uns 4.000 obreiros que deciden dirixirse cara o outro estaleiro da comarca, Astano, para unirse a os seus compañeiros de loita. 

Pero ao chegar ao cruce de As Pías atópanse coa emboscada  da Guardia Civil que disparan sobre os traballadores desarmados.  

Nese  momento e nese lugar foron asasinados Amador e Daniel,  os seus nomes quedan desde entón gravados a sangue e lume, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García, mártires da clase obreira galega.

Tamén  máis de 40 feridos, moitos dos cales non acudiron ao hospital por medo a ser detidos. 

Amador e Daniel, eran responsables do Comité Local de COOO e militantes del PCE, eran cadros obreiros organizados e conscientes da necesidade da loita para defender os intereses da clase obreira.

Durante varias horas Ferrol quedou nas mans dos obreiros, respondendo o goberno fascista cortando as comunicacións, incluídas as telefónicas, ata que logrou concentrar os efectivos necesarios para ocupar a cidade pola forza. 

Nos días posteriores a solidariedade obreira estendeuse por toda a comarca e por toda Galiza, parando outras fábricas e respondendo a poboación cun forte apoio aos familiares dos represaliados.

O balance da loita foi brutal: 2 traballadores asasinados, 16 feridos de bala, decenas de feridos por outras causas, 160 despedidos, 60 encadeados e 50 multados con cifras que ían desde as 50.000 pesetas as 250.000, cantidades colosais naqueles tempos.

Nos días posteriores producíronse numerosas detencións de sindicalistas, militantes comunistas e activistas de distinto signo. Pero tamén nos días posteriores se propuxeron mobilizacións de protesta e solidariedade por Galiza, Estado Español e a nivel internacional promocionadas fundamentalmente polo PCE.

Moitos traballadores organizados e conscientes de ser clase obreira, foron presos na prisión militar de Caranza e posteriormente xulgados por un Consello de Guerra e condenados a varios anos de prisión. Outros foron sancionados con multas e 23 deles foron procesados polo Tribunal de Orden Público (TOP), no coñecido como «proceso dos 23 de Ferrol», que derivou en condenas de entre un e catro anos.

Os asasinatos e a violencia policial nos sucesos de Ferrol non derivaron en responsabilidade algunha, nin para os autores materiais ni para os responsable políticos e policiais que foron os autores intelectuais dos crimes contra a clase obreira galega.

HONOR, XUSTICIA E REPARACIÓN para Amador e Daniel, que eran obreiros e fillos do pobo galego.

A mellor maneira de renderlles homenaxe aos camaradas Amador e Daniel e a todos os que sufriron a represión da ditadura franquista e a patronal é seguir loitando. 

Hoxe as diversas Reformas Laborais, perpetradas tanto polo PP como polo PSOE, roubaron a la clase obreira os dereitos conquistados con sangre, suor e lágrimas. 

É importante e necesario aprender como se gañaron os dereitos, en loitas como a do 10 de marzo de 1972, os dereitos que nos roubaron e nos rouban, a dignidade que nos pisan, precisan dunha resposta a altura dos que loitaron por conquistalos.

O 10 de Marzo debe ser ante todo una xornada de loita das traballadoras e traballadores da Galiza, para poder honrar a memoria de quen o deu todo, ata a vida por defender a dignidade e os intereses da clase obreira.

André Abeledo Fernández, Concelleiro de Esquerda Unida de Narón, militante comunista, e sindicalista organizado na CIG.


Opinión /