André Abeledo Fernández •  Opinión •  08/04/2021

Non aos despedimentos en Mercadona!!!. A CIG en loita!

A política de despedimentos en Mercadona é ciclica, a estratexia da empresa é expulsar do seu sistema a varios traballadores ou traballadoras como medida exemplarizante co único obxectivo de amedrentar ao resto de persoal e crear ambientes laborais con excesiva esixencia de traballo.

Entre decembro do ano pasado e xaneiro deste, que nós teñamos noticia, Mercadona despediu 5 traballadoras: unha en Avda. de Oza (A Coruña), outra en Santa Marta (Santiago de Compostela), un no Milladoiro e dúas en Cee. Até a data levamos feito mobilizacións (ambas moi concurridas) diante das tendas Mercadona de Avda. de Oza e de Santa Marta, o próximo venres 9 farémola diante do Mercadona de Cee.

En todos os casos trátase de traballadoras que levaban anos na empresa e os “motivos” que alega Mercadona para estos despedimentos disciplinarios teñen en común que son por supostos incumprimentos de métodos de traballo na compañía. En concreto, o último que se produciu en Cee, que é o que provoca a protesta da CIG, utiliza eses supostos incumprimentos para despedir miserablemente a unha compañeira. Os “métodos” de traballo en Mercadona son moi numerosos e detallan exhaustiva e prolificamente cada tarefa que se debe realizar. Por suposto, é imposible cumprir de maneira estrita eses métodos en todo momento. Ninguén é capaz de facelo, a dirección de Mercadona sábeo e utiliza eses pequenos e rutineiros erros que todo o mundo comete para despedir nun momento determinado despedir a quen lle pete e provocar asi o amedrentamento e a submisión do resto de persoal.

Como consecuencia desta política, Mercadona é incapaz de ganar ningún xuízo por despedimento nos xulgados. Todos son declarados, como mínimo, improcedentes (e algún nulo). Pero dálle igual porque paga a indemnización correspondente e consegue a súa finalidade: manter o persoal nun estdo continuo de extrema esixencia no traballo. O que se debería preguntar a sociedade é por que a Mercadona nunca un xuíz lle declara un despedimento como procedente (polo menos na provincia da Coruña). A resposta é porque despide sen motivo real.

Por este motivo, a CIG exerce a súa responsabilidade e denuncia publicamente esta política sempre que Mercadona inicia unha nova vaga de despedimentos. Para que se coñeza publicamente a súa actitude e intentar que reduza o máximo posible estas “purgas”. O contrario sería lexitimar esta maneira de actuar e reforzar a posibilidade de que no futuro poidan despedir a calquera compañeira alegando os incumprimentos de método ao seu antollo. Mercadona quere traballadores servís e submisos, pero non ten reparo ningún cando calquera cae en desgraza en expulsalo sen motivos reais e fundamentados. Se non protestamos, mañá pode ser calquera.

Dos cinco últimos despedimentos (tres deles atendidos pola asesoría legal da CIG), un xa foi recoñecido pola empresa coma improcedente e os outros están aínda sen resolución xudicial. Podemos asegurar que os que leva a CIG, que son dos que contamos con toda a información, ningún será declarado procedente: NON EXISTEN MOTIVOS REAIS PARA OS DESPEDIMENTOS.

Cig Mercadona

Podedes ampliar información sobre os despedimentos e a campaña de protesta e defensa dos dereitos das traballadoras de Mercadona na páxina web da CIG:

https://www.cig.gal/nova/concentranse-diante-do-mercadona-de-santa-marta-para-denunciar-os-inxustificados-e-arbitrarios-despedimentos.html

https://www.cig.gal/nova/mercadona-despide-de-maneira-arbitraria-mentres-o-persoal-ten-que-asumir-unha-sobrecarga-de-traballo-brutal.html


Opinión /