Orgullo galego
Galegos, vascos, navarros, canarios e cataláns non se alistarían para defender España.
Unha enquisa de ‘Electomanía’ revela un rexeitamento maioritario a participar dunha guerra para defender o Estado español nestes cinco territorios. Nacións con cabeza propia.
Noutra enquisa as mesmas nacións rexeitan a monarquía e prefiren a República, non se sinten servos.
Segun outra enquisa galegos, cataláns, vascos, e canarios sienten primeiro ou únicamente parte da súa nación e non españois. Un galego síntese primeiro galego ou só galego.
Vai ser que nas nacións secuestradas polo Estado español, nas nacións sin Estado, na periferia e donde sobrevive a vida intelixente.
Un tal Lenin deixou dito que «non se pode falar de liberdade se antes non se recoñece o dereito dos pobos a separarse da súa metrópole cando o crean conveniente».
O recoñecemento do dereito de autodeterminación é sen dúbida esencial para que os Estados non se convertan en cárceres de pobos.
Galiza é sen dúbida unha nación, non entendo como aínda se pode negar esa realidade, cumprimos con creces tódolos requisitos, temos unha lingua, unha cultura, e unha historia propias.
O mesmo pasa con Catalunya ou Euskadi, é tanxible o feito diferencial, algo que non debería ser visto como unha ameaza, tan só é unha realidade.
Negando realidades nunca se atoparon solucións.
Un tal Stalin definiu o que hoxe entendemos como nación, “unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada está na comunidade de cultura”.
Galiza é unha nación e un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características fannos galegos.
Defendo a unión voluntaria de pobos libres, de nacións que deciden camiñar xuntas; fainos máis fortes, enriquécenos esa diversidade de culturas, tradicións, e historia diferenciada. Pero converter o Estado nunha prisión de pobos é sempre unha decisión dos explotadores.
Defendo que o dereito á autodeterminación non é un problema para a clase obreira.
Non existe un problema catalán, nin galego, nin vasco, existe en todo caso unha “realidade” ou “singularidade” a que temos que dar resposta política.
A resposta a esta realidade ten que vir dende o recoñecemento da existencia dun feito diferencial, é preciso recoñecer que no Estado español conviven varias nacionalidades e que deben convivir en pé de igualdade, para que isto ocorra é necesario que o Estado español comece a actuar como un irmá e non como un padrasto.
O continuo ataque do Estado español a nación galega ten o seu máis claro expoñente no maltrato o noso idioma, no intento de rebaixar a súa categoría a un segundo idioma, e dende unha parte da dereita máis rancia pretender que o idioma galego é un dialecto.
O noso idioma forma parte fundamental da nosa identidade, o galego foi sempre o idioma da clase traballadora galega, foi lingua de resistencia, e continua resistindo en condicións moi difíciles.
O galego foi atacado e aldraxado durante séculos. E hoxe en día en moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.
Non fai tanto tempo, practicamente nada no reloxo da historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”.
Miña nai contábame como a súa profesora na escola rural non falaba máis que castelán, e como os nenos que falaban en galego eran ridiculizados, e non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas se falaba en galego.
O galego foi sempre a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser.
Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo casposo herdado do franquismo.
O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio.
O galego é o noso tesouro, e Galiza é unha nación, un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.
Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable.
É importante ter sempre presente como ben dixo Castelao que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.