André Abeledo Fernández •  Opinión •  31/10/2022

Caeu a torre da vergoña da ENEL Green Power,  veuse a baixo a metáfora de espada de Damocles sobre as nosas cabezas

Caeulles a torre aos de ENEL Green Power, os que ameazan a todo un pobo con montar o «Parque Eólico de Caaveiro» e destruir o noso entorno, a nosa forma de vida, e as nosas esperanzas dun futuro mellor para a nosa terra. 

Querían medir a forza do vento, e o vento levoulles a canallada, agora si queren medir a forza da veciñanza defendendo a súa terra vainos levar o demo.

Caeulles a torreta de medición da velocidade do vento que todos os veciños podíamos ver como espada de Damocles sobre as nosas cabezas.

Vai ser que a natureza e o vento tamén están con nos na loita contra os muíños do espolio, da especulación e do desastre, vai ser que traballan con nos os elementos para defender a terra. 

Ao día seguinte da caída da estrutura xigante, duns 100 metros, os veciños de Anca celebramos a caida do símbolo dos abusos do poder e das multinacionais do sector eléctrico na nosa parroquia. 

Aplaudimos ao vento que levou o esperpento ameazante que nos miraba día e noite dende o noso monte. 

Sabemos que a loita vai seguir, que volverán a levantar a torre da vergoña, será por cartos, pero esta vitoria do vento sobre os especuladores macroeólicos é a primeira de todas as que veñen detrás. 

Porque non imos permitir que destruan a nosa terra, o noso presente e hipotequen o futuro dos nosos fillos sen loitar. 

Porque ata os elementos estan berrando que a Galiza non se vende, se defende. 

EÓLICOS AQUÍ NON!


Opinión /