En Marea amplía o prazo de presentación de candidaturas para facilitar que Podemos Galicia se integre no proceso en pé de igualdade
A coordinadora de En Marea vén de aprobar unha ampliación de 24 horas do prazo para presentar as candidaturas ás súas primarias (prolongaríase ata o mércores 10 de agosto ás 23.59h) para facilitar a integración de Podemos Galicia, que tamén podería incorporar membros nesta coordinadora provisional, en pé de igualdade no proceso de unidade popular que xa está en marcha.
![En Marea amplía o prazo de presentación de candidaturas para facilitar que Podemos Galicia se integre no proceso en pé de igualdade](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2016/08/en_marea_2-950x0-c-default.jpg)
Así se plantexou nunha xuntanza mantida esta semana coa dirección de Podemos Galicia, onde se lles convida a sumarse ao proceso de confluencia aceptando os acordos políticos referendados cun amplo consenso o pasado día 30 de xullo na asemblea constituínte de Vigo.
O procedemento, que busca garantir a igualdade de oportunidades entre o conxunto dos axentes, mantería como requerimento principal para todas as persoas participantes ter asinado o manifesto dos alcaldes e cumprir o regulamento da Marea Constituínte aprobado colectivamente para o proceso de primarias: ademais de cumprir as condicións fixadas pola lei electoral, para presentar candidaturas haberá que ter asinado o manifesto dos alcaldes antes do 13 de agosto, asumir o Código Ético da Marea Constituínte e reunir 15 avais de tres concellos diferentes. No caso de optar á candidatura para a Presidencia da Xunta será necesario, a maiores, reunir o aval de 100 persoas, cun mínimo de 20 por provincia.
A coordinadora de En Marea valora moi positivamente as conversas dos últimos días coa dirección de Podemos Galicia e confía en que a flexibilización do calendario de primarias aprobada esta tarde contribúa á súa plena incorporación ao proceso, en pé de igualdade con calquera outro actor político e con lealdade aos acordos do pasado 30 de xullo, referendados por ducias de organizacións políticas, colectivos e mareas municipalistas.