Redacción •  Galicia •  03/05/2024

Milleiros de persoas mobilízanse coa CIG en demanda de traballo digno, pola paz e a soberanía dos pobos

A central realizou manifestacións e concentracións en 16 localidades para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira.

Milleiros de persoas mobilízanse coa CIG en demanda de traballo digno, pola paz e a soberanía dos pobos

Milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG neste Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, nas 16 convocatorias realizadas nas principais cidades e vilas galegas baixo o lema “Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo”. Nesta xornada de loita, a CIG reivindicou o Marco galego de relacións laborais, unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza a creación doutros novos, un plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno que reverta no noso beneficio e desenvolvemento a riqueza e recursos de Galiza, e o reforzo dos servizos públicos.

Nesta ocasión, a manifestación central foi a da Coruña, onde o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, rexeitou, neste día do internacionalismo proletario, o belicismo e a apoloxía da guerra da UE «en entusiasta obediencia aos EUA e ás misións da OTAN», e o incremento do gasto militar en 1.200 millóns para armas aprobado polo Goberno español.

Aseverou que a prolongada guerra en Europa e o apoio a Israel no xenocidio do pobo palestino son o exemplo da crueldade do chamado «occidente civilizado e democrático» por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, nun mundo que camiña a ser multipolar.

Reclamou respecto, tamén dentro das propias fronteiras dos Estados da UE e do Estado español, ao dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que as integran, como Galiza, «para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz».

Encarécese o custe da vida e baixan os salarios

Neste contexto, Carril apuntou que no día a día afrontamos os altos prezos da cesta da compra, mentres baixa a capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, aumenta a precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e medra a poboación en risco de pobreza e exclusión social.

Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral aprobada hai dous anos que “nin xerou dereitos, nin derrogou a grave e regresiva reforma laboral de 2012 do PP». Como evidencia da precariedade, o secretario xeral da CIG indicou que hai un 125,1% máis de persoas con contrato fixo descontinuo que a finais de 2021, e que as xornadas parciais pasaron de ser o 19,8% a representar o 23,9% en 2023, correspondendo maioritariamente a mulleres asalariadas (75,5%).

Por iso, neste Primeiro de Maio «saímos as rúas para reclamar traballo digno para combater a pobreza laboral que ten causa nesta reforma laboral, e cuxos efectos se agravan ante a actual carestía da vida». Caen os salarios, as rendas do traballo perderon 3,8 puntos de participación no PIB, máis do 50% das familias en situación de pobreza teñen emprego, medraron un 1,8 puntos os fogares con renda inferior aos 8,500 euros ao ano, e unha de cada tres persoas traballadoras tivo ingresos inferiores ao SMI.

Mais ao tempo as ganancias do capital increméntanse (aí están os millonarios resultados da banca e as eléctricas), concentrándose a riqueza cada vez en menos mans, nas zonas máis industrializadas e na capital do Estado, en detrimento dos territorios periféricos como Galiza.

Cámbianse dereitos por programas de beneficencia

Fóra da propaganda, afirmou, a realidade das políticas do autoproclamado «goberno máis progresista da historia» é que «en sintonía co diálogo social, coa patronal, UGT e CCOO, se cambian dereitos por programas de beneficencia». Carril advertiu do intento de impoñer novos recortes e privatizacións na sanidade pública impulsando o abuso das mutuas, «como acordaron no V AENC e que agora o INSS está forzando». Sobre esta cuestión explicou que se está fomentando que sexan as mutuas as que fagan o seguimento as baixas por continxencias comúns por patoloxías muscoloesqueléticas.

Denunciou tamén que se negocien cambios na Seguridade Social para a implantación de coeficientes redutores da idade de xubilación no marco diálogo social «con total escurantismo e, polo tanto, sen respectar os dereitos de representación que teñen as centrais sindicais máis representativas e maioritarias como a CIG». Cambios que ademais van na dirección contraria de garantir unha verdadeira xubilación anticipada, ou unha xubilación parcial con dereitos e aos 61 anos para todas as actividades, como medida tamén para renovar os cadros de persoal e xerar emprego digno para a mocidade.

Estas medidas adóptanse «ao ditado das políticas neoliberais para satisfacer as demandas da UE de recortes no público para o negocio privado, a cambio duns fondos que hipotecan o futuro e que aceleran o aumento das desigualdades e da pobreza en Galiza, con importantes sectores produtivos esmorecendo «e que son o complemento perfecto para favorecer as nefastas políticas que o PP fai».

«Despois que ninguén se retire a reflexionar, que ninguén se asuste, nin se alarme. Non serve de nada auto-proclamarse “progresista” se non se fan políticas que procuren a xustiza social, porque precisamente esa renuncia a facelas é a que fai medra a dereita e a ultradereita», aseverou.

Desmantelamento do país

Carril censurou que o novo Goberno de Rueda «vive metido de cheo» nunha acción de desmantelamento masivo do país, de reforzo da dependencia económica e política de Galiza aos sistema español e obsesionado coa privatización dos servizos públicos, «acelerando un novo proceso de colonización dos nosos recursos e negando un desenvolvemento galego propio para poder vivir e traballar dignamente no noso país».

Neste sentido rexeitou a construción da celulosa de Altri en Palas de Rei e denunciou a falta de planificación na implantación da enerxía eólica «facendo da transición enerxética unha nova demolición para o pobo e a unha nova fartura de riqueza para o capital e as eléctricas».

«Levamos décadas padecendo as mentiras sobre a creación de postos de traballo coas industrias de  enclave, depredadoras dos nosos recursos, que non pechan os ciclos produtivos en Galiza, que teñen graves impactos que   aceleran a desertización social e industrial, aumentando a  emigración e o desemprego. Son o exemplo de como os Gobernos aproban e pagan con cartos públicos o que os consellos de administracións das grandes empresas mandan e deciden para seguir enriquecéndose».

Por todo isto, neste Primeiro de Maio, o secretario xeral da CIG chamou á mobilización nas rúas e nos centros de traballo para confrontar o roubo e o saqueo á maioría social e porque «non podemos permitir que ante esta situación e a renovada maioría absoluta do PP se impoña a desmobilización para facilitar un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que os diferentes Gobernos e a UE pretenden seguir desenvolvendo».

Mobilización e conflito para avanzar en dereitos

Ao contrario, apelou «á solidariedade e á unidade da clase traballadora e do pobo galego para que siga demostrando que pode con todo, que ten unha enorme capacidade de acción». Puxo en valor, precisamente, que esta capacidade da CIG ser a primeira forza sindical e de entender o conflito e a mobilización como o único camiño para a conquista de dereitos, posibilitou que o pasado ano (segundo os datos do CGRL), Galiza fora o territorio do Estado no que se rexistrou o maior incremento salarial pactado nos convenios asinados e revisados.

Mentres que no Estado a suba media dos salarios foi do 3,46% (unha contía por debaixo do que UGT e CCOO pactaron coa patronal no V AENC que debería darse para 2023), en Galiza acadou o 4,63%, situándose así por enriba do 4,22% do País Vasco.

A negociación colectiva constitúe unha ferramenta fundamental da clase traballadora, e por iso Carril instou á mobilización para facer realidade o Marco galego de relacións laborais e poder exercer o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, as nosas condicións de traballo, de forma directa e democrática, con solucións xustas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica.

E para todo isto, concluíu, «debemos ter unha firme e atrevida decisión na acción sindical, con máis esforzos na construción de organización social, de poder popular, para avanzar na conquista de dereitos, conseguir políticas alternativas e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra».


1 de Mayo /