Redacción •  youtube.es •  Galicia •  28/12/2017

En Marea denuncia os “colapsos” de Urxencias e critica a falta de previsión da Xunta un ano máis

A voceira de Sanidade de En Marea no Parlamento de Galicia, Eva Solla, denunciou a situación de "colapso" no servizo de Urxencias dos hospitais galegos durante as últimas xornadas, como veñen manifestando dende a Asociación de pacientes do CHUS, que difundiu un vídeo no que se poden numerosos pacientes en cadeiras de rodas nos corredores, como o propio persoal de Urxencias dos centros sanitarios de Vigo, que denunciaron informalmente a súa situación, “fartos de que a Consellería de Sanidade lles dea as costas”.

En Marea denuncia os “colapsos” de Urxencias e critica a falta de previsión da Xunta un ano máis
“A Xunta de Galicia segue facendo caso omiso ás advertencias que levamos feito dende hai moito tempo de que a situación das Urxencias deben preverse con tempo suficiente e a pesar de seren coñecedores de cando se incrementan os picos de asistencia durante todo o ano, a previsión segue totalmente ausente”, sinalou Solla, que lembrou que En Marea rexistrou preguntas e iniciativas encamiñadas a resolver esta situación , “ademais de dar este debate no Parlamento a semana pasada”.
 
No caso da área sanitaria de Vigo, Eva Solla lembrou a situación pola que atravesa o Hospital Álvaro Cunqueiro dende a súa inauguración, “pola chapuza que supuxo a redución do espazo destinado ás Urxencias nun 50%, ademais das carencias de persoal tanto nese servizo como nas diferentes plantas de hospitalización, con numerosas camas pechadas no hospital do Meixoeiro para as que reiteramos a súa inmediata reapertura”.
 
Eva Solla advirte que a situación é previsible que empeore nas vindeiras semanas, cando se incrementen as asistencias debidas a problemas respiratorios. “Porén, segue sen haber ningunha medida de reforzo”, denuncia a parlamentaria. “Reiteramos unha vez máis a necesidade de implementar maiores recursos de persoal e que se reabran todas as camas pechadas”, reivindica.

En Marea /  sanidade /