Os escándalos na mina de Touro continúan

07/06/2018

A empresa TYRMA está sendo protagonista en diferentes medios de comunicación  pola súa suposta labor na reciclaxe e na xestión de residuos. Está compañía está asociada á promotora da mina de Touro, e forma parte dun grupo empresarial que se autodenomina como centro de valorización ambiental.

A asociación medioambiental Aldea Viva acaba de sacar un comunicado no que destapa a verdadeira cara destes colectivos que acumulan varios expedientes pola contaminación dos cursos fluviais do municipio. Neste caso desvelan que a nave principal de TYRMA está construída sobre unha balsa mineira, a cal foron reducindo pouco a pouco até facer desaparecer a metade da súa extensión, provocando deste xeito a contaminación dos regatos con augas cargadas de metais pesados e poñendo en perigo a saúde da poboación e a supervivencia dos ecosistemas.
 
Aldea Viva tilda de terrorismo medioambiental as actuacións que se levan cometendo nos terreos mineiros dende que Explotaciones Gallegas adquirise os dereitos fai máis de 20 anos. A pasividade das administracións, tanto as locais como a autonómica, demostra unha vez máis a impunidade coa que actúan estas empresas. Instan á Xunta de Galicia a tomar as medidas oportunas para solventar os problemas ocasionados, e advirten da perigosidade que suporía autorizar o novo proxecto a unha empresa con semellante historial.