Redacción •  Galicia •  02/05/2024

BNG considera un “retroceso sen precedentes” a decisión de Rueda de eliminar a Secretaría Xeral de Igualdade na Xunta

Noa Presas asegura que a división en dúas direccións xerais é unha mostra máis da submisión ao PP de Madrid, “que fai seguidismo da extrema dereita”.

BNG considera un “retroceso sen precedentes” a decisión de Rueda de eliminar a Secretaría Xeral de Igualdade na Xunta

A deputada do BNG Noa Presas considera que a eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do novo organigrama da Xunta supón “un retroceso sen precedentes” na defensa dos dereitos das mulleres, un “novo paso atrás” que, na súa opinión, demostra a submisión do Goberno de Rueda ao PP de Madrid “que fai seguidismo da ultradereita”.

“Lamentamos que a Xunta dea un novo paso atrás no traballo pola igualdade das mulleres e que consume unha decisión tan grave como eliminar a Secretaría Xeral de Igualdade”, asegurou a portavoz de Facenda e Función Pública do BNG tras a toma de posesión, hoxe, das novas persoas responsables na Xunta de Loita contra a Violencia de Xénero e Promoción de Igualdade, as dúas direccións xerais nas que se dividiu a Secretaría Xeral.

Presas criticou a división porque significa que na nova estrutura do Executivo, ademais de rango institucional, a área de Igualdade perde representatividade e, sobre todo, transversalidade, “un factor elemental e estratéxico que recolle a propia lexislación”  porque supón capacidade de influír e de actuar en todas as políticas e áreas de goberno.

“A  transversalidade é absolutamente necesaria para combater a desigualdade”, advertiu Presas, para quen é tamén un erro considerable a división de igualdade e loita contra a violencia machista “sen que haxa unha dirección común, coma se fosen departamentos estancos”, sobre todo tendo en conta que “a violencia é a consecuencia máis extrema que vivimos as mulleres da desigualdade e do patriarcado”.

“Isto é o que demostra que o PP de Alfonso Rueda é absolutamente submiso ás estratexias do PP do Estado, que fai seguidismo da extrema dereita e que resta cada vez máis peso e máis importancia ás políticas de igualdade  e de violencia machista”, manifestou Noa Presas, quen xa avanzou que o BNG traballará dende o Parlamento para que se corrixa esa división “e para dar sempre alternativas a favor do feminismo e dunha Galiza máis igualitaria”.  


BNG /